Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán anuncia a suspensión dos ataques contra os países veciños

Irán anuncia a suspensión dos ataques contra os países veciños

Israel multiplica os bombardeos en Teherán no oitavo día de guerra contra o estado persa

A República Islámica dirixe novos ataques cara a Tel Aviv e pide desculpas aos países veciños

Washington tentea formas de controlar os prezos disparados da enerxía

directo Edificios destruídos polas bombas en Beirut. REUTERS/Foto tomada cun móbil
G24.gal 07/03/2026 08:14 Última actualización 07/03/2026 10:25

Unha semana despois do inicio da ofensiva dos Estados Unidos e Israel contra Irán, o conflito estendeuse a 16 países e provocou a morte de 1.200 persoas só na República Islámica.

Tamén se rexistraron centos de vítimas mortais no Líbano onde reviviron os ataques hebreos contra a milicia xiíta Hezbollah.

A operación bautizada como Furia épica provocou o primeiro día a morte do líder supremo, o aiatolá Ali Khamenei, e da plana maior do réxime de Irán, país que suma máis de 3.600 edificios civís afectados polos ataques, de momento só aéreos.

Irán contraatacou lanzando mísiles contra Israel e bases militares estadounidenses en Barhein, Qatar, os Emiratos Árabes e Kuwait. Tamén expandiu os ataques a países como Arabia Saudita, Turquía e Acerbaixán.

Funeral en Teherán dunha nena. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS Funeral en Teherán dunha nena. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

Oitava xornada

A oitava xornada de guerra empezou este sábado con bombardeos en Teherán, onde se reportou un incendio no Aeroporto Internacional de Mehrabad. 

Irán centrou a súa ofensiva en Tel Aviv e anunciou que vai deixar de lanzar mísiles e drons contra países veciños salvo que se rexistren ataques dende eses territorios.

Mentres, Washington tentea formas de controlar uns prezos disparados da enerxía.

Suburbio de Beirut afectado polas bombas. REUTERS/Foto tomada cun móbil Suburbio de Beirut afectado polas bombas. REUTERS/Foto tomada cun móbil

Israel ataca a "infraestrutura" iraniana

As Forzas de Defensa de Israel (FDI) lanzaron esta madrugada unha nova vaga de ataques "a grande escala contra a infraestrutura do réxime terrorista iraniano en Teherán".

Medio cento de avións de combate israelís atacaron e esnaquizaron o búnker militar subterráneo do xa falecido líder do réxime iraniano, Ali Khamenei, segundo informan noutra nota castrense.

Tras os ataques israelís, a televisión local iraniana Press TV dixo que o aeroporto internacional de Mehrabad sufriu un aparatoso incendio, mostrando en imaxes espesas columnas de fume que se elevaban sobre o aeródromo.

Lapas preto do aeroporto de Mehrabad. Redes sociais vía REUTERS Lapas preto do aeroporto de Mehrabad. Redes sociais vía REUTERS

Irán responde con mísiles 

Irán lanzou unha nova vaga de ataques dirixidos contra "o corazón dos territorios ocupados e Tel Aviv", segundo a axencia Tasnim de Noticias, vinculada á Garda Revolucionaria iraniana.

As forzas israelís, pola súa banda, afirmaron en varios comunicados estar a responder a disparos de mísiles iranianos.

Esta última ondada de mísiles iranianos chega despois de que o embaixador da nación persa ante a ONU, Amir Saeid Iravani, afirmara o venres que o seu país "nunca renunciará" á súa soberanía e que seguirá "defendéndose fronte á agresión dos EUA e Israel".

Washington, pola súa banda, dixo que atacou máis de 3.000 obxectivos en Irán e destruíu ou danou máis de 43 embarcacións na primeira semana de bombardeos estadounidenses contra o país persa.

Iravani no Consello de Seguridade da ONU. REUTERS/Heather Khalifa Iravani no Consello de Seguridade da ONU. REUTERS/Heather Khalifa

En Barhein soan as alarmas

O reino de Barhein pediulle á poboación na madrugada deste sábado "manter a calma e dirixirse a un lugar seguro" no medio do son das sirenas ante un posible ataque aéreo, pero non achegou máis detalles.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa de Arabia Saudita informou do derrubamento dun mísil balístico que ía dirixido contra a base aérea Príncipe Sultán e da interceptación de catro drons que tiñan como obxectivo o campo petrolífero Shaybah, preto da fronteira con Abu Dhabi.

Edificio danado en Givatayim, preto de Tel Aviv. REUTERS/Nir Elias Edificio danado en Givatayim, preto de Tel Aviv. REUTERS/Nir Elias

Teherán pide desculpas aos países veciños

O presidente de Irán, Masud Pezeshkian, afirmou este sábado que o seu país decidiu poñer fin aos ataques contra os países veciños, a menos que sexa atacado desde eses territorios, contra os que lanzou mísiles e drons durante a primeira semana da guerra.

"O Consello de Liderado decidiu onte poñer fin aos ataques contra países veciños, a menos que Irán sexa atacado desde eses territorios", asegura Pezeshkian nunha mensaxe gravada e emitida pola televisión estatal.

Pezeshkian, que forma parte do Consello de Liderado, formado tras a morte de Ali Khameneipídelles desculpas aos países veciños polas ofensivas iranianas e envíalles unha mensaxe para que "non se convertan en instrumentos do imperialismo".

"Algúns están a pensar en aproveitar esta oportunidade para atacar o noso territorio. Envíolles esta mensaxe: non se convertan en instrumentos do imperialismo”, sostén o mandatario iraniano.

Case ao tempo que se emitiu a mensaxe, a axencia Tasnim, vinculada á Garda Revolucionaria, informou doutra "vaga de ataques con mísiles e drons contra Barhein e Qatar".

As autoridades iranianas xa afirmaran que os seus ataques ían dirixidos contra as bases estadounidenses nos países árabes do golfo Pérsico, e non contra o territorio desas nacións, considerando esas ofensivas como o seu dereito lexítimo.

Columnas de fume no sur de Beirut. REUTERS/Claudia Greco Columnas de fume no sur de Beirut. REUTERS/Claudia Greco

Tres cascos azuis feridos no Líbano

Polo menos tres soldados ganeses da misión de paz da ONU no Líbano (FINUL) quedaron feridos este venres no medio dos choques entre Israel e o grupo xiíta Hezbollah, no primeiro incidente contra os cascos azuis desde o inicio do conflito.

Petroleiros fronte á costa de Fujairah. REUTERS/Amr Alfiky/Arquivo Petroleiros fronte á costa de Fujairah. REUTERS/Amr Alfiky/Arquivo

Os EUA buscan controlar a alza do cru

O secretario do Tesouro estadounidense, Scott Bessent, suxeriu este venres que Washington podería retirar máis sancións ao cru ruso para mellorar a subministración global e controlar as fortes subas que está a experimentar o petróleo tras o inicio da guerra contra Irán.

Ante a incerteza no estreito de Ormuz, por onde circula o 20% do cru mundial e importantes partidas de gas natural licuado, a Corporación Financeira para o Desenvolvemento dos EUA dixo que o programa do Goberno de Trump cubrirá perdas de ata uns 20.000 millóns de dólares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade