O PP pide explicacións polo caso Mediador e Marlaska di que non sabía nada
O PP reclama explicacións "desde a transparencia" aos Gobernos de España e das Canarias pola trama de corrupción do caso Mediador
O ministro de Interior, Grande-Marlaska, sostén que non tivo coñecemento desta casuística ata que transcendeu publicamente
O xa exdeputado canario do PSOE, Juan Bernardo Fuentes, enfróntase a acusacións de suborno, falsidade, branqueo, tráfico de influencias e pertenza a grupo criminal no contexto do caso Mediador. Desde o Partido Popular reclaman explicacións e pídenlles aos socialistas a mesma contundencia que empregaba cando xurdiron casos de corrupción no propio PP.
"Merece unha explicación por parte dos implicados loxicamente. Temos xa a oportunidade de coñecer que hai quince ou máis de quince deputados do partido socialista que fixeron esas prácticas, pero tamén merece unha explicación dos gobernos, primeiro o das Canarias e o Goberno de España. Eu creo que desde a transparencia é a maneira de eliminar calquera sombra de sospeita", opina Borja Sémper, voceiro de campaña do PP.
O ministro de Interior explicaba esta tarde que non tiña un coñecemento previo do caso e que non é superior ao que pode ter o resto da sociedade.
"Este ministerio ten o coñecemento, cando as cousas están secretas, evidentemente teno como o resto da sociedade. Ou sexa, non había ningún coñecemento e, se me deixades, case me decatei ao mesmo tempo ca cando me decatei de que á antiga cúpula do Ministerio de Interior lle pedían quince anos de prisión", declarou Fernando Grande-Marlaska.
O exdeputado Juan Bernando Fuentes segue en liberdade, tras declarar esta semana en sede xudicial, porque o fiscal do caso entende que non hai risco de fuga nin de destrución de probas.