Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre o expresidente do Uruguai José Mujica, de 89 anos

Morre o expresidente do Uruguai José Mujica, de 89 anos

Faleceu a consecuencia dun cancro de esófago que lle detectaron en abril de 2024 e que se lle estendeu ao fígado

REUTERS/Pablo La Rosa REUTERS/Pablo La Rosa
G24.gal 13/05/2025 21:22 Última actualización 13/05/2025 22:49

O expresidente uruguaio José Mujica faleceu aos 89 anos en Montevideo como consecuencia dun cancro de esófago que lle detectaron en abril de 2024 e que se lle estendeu ao fígado.

Mujica xa anunciara o pasado mes de xaneiro que non quería seguir co tratamento contra o cancro, e pediu que o deixaran morrer tranquilo. 

"O guerreiro ten dereito o seu descanso", dixera.

A noticia provocou gran consternación. Unha das primeiras reaccións foi a do presidente do Uruguai, Yamandú Orsi.

"Con profunda dor comunicamos que faleceu o noso compañeiro Pepe Mujica. Presidente, militante, referente e condutor. Imos estrañar moito Vello querido. Grazas por todo o que nos deches e polo teu profundo amor polo teu pobo", indicou na súa conta da rede social X o actual mandatario do país suramericano.

Sánchez: “A política cobra sentido cando se vive desde o corazón”

Representantes do mundo político español despediron este martes ao expresidente de Uruguai José 'Pepe' Mujica, falecido aos 89 anos en Montevideo, con mensaxes nas redes sociais nas que lembran a súa figura e o seu legado político e humano.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou o seu "cariño máis profundo" á familia de Mujica e ao pobo uruguaio. "Un mundo mellor; niso creu, militou e viviu Pepe Mujica. A política cobra sentido cando se vive así, desde o corazón", escribiu.

A vicepresidenta Yolanda Díaz compartiu unha fotografía xunto a Mujica na súa casa e definiuno como “un exemplo de forza e esperanza”. Engadiu que as súas palabras acompañarán “sempre”.

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu a pesar das diferenzas ideolóxicas que Mujica foi “unha persoa cordial e hospitalaria en Montevideo” e que tamén “foi acollido do mesmo xeito en Galicia”. Transmitiu o seu pésame á familia e amigos.

A eurodeputada de Podemos Irene Montero publicou unha cita de Mujica na que este afirmaba: “Pertenzo a unha xeración que quixo cambiar o mundo, fun esmagado, derrotado, pulverizado, pero sigo soñando que paga a pena loitar para que a xente poida vivir un pouco mellor e cun maior sentido da igualdade”.

O exvicepresidente Pablo Iglesias compartiu tamén unha imaxe con Mujica e escribiu: “Déixanos o guerrilleiro, o presidente, o compañeiro, o referente ético, a boa persoa… Ata sempre”.

De guerrilleiro perseguido a presidente votado

Nado en Montevideo o 20 de maio de 1935, nunha familia de orixe vasca e italiana, Mujica comezou a súa militancia política no Partido Nacional. Nos anos 70 uniuse ao Movemento de Liberación Nacional-Tupamaros (MLNT), participando en accións armadas contra a ditadura cívico-militar. Pasou 15 anos en prisión, incluíndo longos períodos de illamento e torturas.

Tras a súa liberación en 1985, contribuíu á fundación do Movemento de Participación Popular (MPP), integrado no Frente Amplio. Foi elixido deputado en 1994 e senador en 1999 e 2004. En 2005, Tabaré Vázquez nomeouno ministro de Gandería, Agricultura e Pesca. En 2009 logrou a Presidencia cun 52,39 % dos votos.

Un estilo de vida afastado do poder

Durante o seu mandato (2010–2015), Mujica destacou pola súa vida austera. Renunciou ao 87 % do soldo presidencial, vivía na súa granxa e destinou a residencia oficial a persoas sen fogar. Entre as súas medidas máis significativas figuran a legalización do aborto, do matrimonio homosexual e da marihuana.

Rexeitou ofertas millonarias polo seu Volkswagen Fusca de 1987 e doou terras da súa propiedade para vivendas sociais. Recibiu numerosos recoñecementos internacionais, incluíndo condecoracións de Paraguai, México, Panamá e o respaldo da ONU polo seu apoio ao proceso de paz colombiano.

Últimos anos e despedida

Mujica renunciou ao Senado en 2018 para “tomarse unha licenza antes de morrer de vello”. Volveu á política en 2019, cando foi novamente o senador máis votado. En 2020 retirouse definitivamente por idade e por padecer unha enfermidade inmunolóxica crónica.

En decembro de 2024 foi hospitalizado e sometido á implantación dun *stent* para seguir alimentándose con normalidade. En xaneiro anunciou a expansión do cancro ao fígado e a súa decisión de non continuar co tratamento.

“Non quero entrevistas ao tolo nin máis exposición. O meu ciclo rematou hai tempo”, declarou. Nunha das súas últimas mensaxes públicas, pediu á mocidade que non perda a esperanza: “O verdadeiro triunfo na vida é erguerse e volver empezar cada vez que un cae”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade