Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP logra a maioría absoluta en Ferrol e Rey Varela recupera a alcaldía

O PP logra a maioría absoluta en Ferrol e Rey Varela recupera a alcaldía

O PSOE do actual rexedor, Ángel Mato, pasa de oito edís a sete

G24.gal 28/05/2023 21:55 Última actualización 29/05/2023 01:43

José Manuel Rey Varela volverá ser alcalde de Ferrol polo PP, cargo que xa ostentou de 2011 a 2015, tras obter para a súa formación a segunda maioría absoluta na historia da cidade.

O actual presidente do PP ferrolán gobernará de novo coa maioría precisa para poder facelo en solitario, 13 dos 25 edís da corporación, do mesmo xeito que na súa anterior etapa como rexedor.

O PP de Ferrol sobe de 12 a 13 concelleiros tras quedar ás portas da maioría absoluta nos comicios de 2019, marcados pola disgregación do voto cara a Cs ou o partido local Sentimento Ferrolán.

José Manuel Rey Varela

"Nunca poderei esquecer unha confianza tan maioritaria. Este é o mellor resultado electoral que se obtivo en toda a historia da nosa cidade". "E iso non é só unha honra, é unha gran responsabilidade".

Pola súa banda, o PSOE, que liderou en solitario o Concello ferrolán os últimos catro anos, sofre un leve desgaste tras gobernar en solitario con 8 dos 25 concelleiros e baixa a 7 actas.

Mato perde o bastón de mando cun concelleiro menos. O PSdeG de Ferrol pasa dos oito edís a sete. En declaracions aos medios, Mato felicitou a Rey Varela pola “clara vitoria”. Di o socialista: “Desexo que teña moita sorte nos vindeiros catro anos. Esta cidade ten moito por diante. Agardo que teña un mandato que permita seguir medrando á cidade de Ferrol”.

Sobre o seu futuro político, Mato apuntou: “Non é o día de falar sobre o que farei. O que si quero dicir é que é unha honra representar o PSOE”, e compromete que o seu partido, desde a oposición, “contribuirá a que Ferrol siga medrando con responsabilidade como fixemos desde o Goberno”.

Como xa é tradición en Ferrol, de novo haberá alternancia política. As forzas de esquerda non suman desta volta.

Ángel Mato

"Na oposición o PSOE vai contribuír para que Ferrol siga medrando, como xa fixemos desde o goberno e estaremos a traballar sempre en favor dos ferroláns e as ferrolás".

Finalmente, o BNG consegue aumentar a súa representatividade e pasa de 2 a 3 edís en detrimento de Ferrol en Común, que descende de 3 a 2 concelleiros.

Un edil que perde a Marea ferrolá, Ferrol en Común que queda con dous edís.  Iván Rivas celebraba o aumento de apoios e destacaba que “ se está a evidenciar que o BNG é unha organización política que está incrementando a súa representatividade na cidade de Ferrol, que acabamos de incorporar un novo concelleiro ao noso grupo municipal e creo que iso abre unha expectativa desde a visión dunha cidade que ten no BNG un proxecto alternativo”.

O líder de Ferrol en Común, Jorge Suárez, lamentaba que Ferrol non vai contar cun goberno progresista e de esquerdas.

“ Por desgraza as divisións internas pasaron factura e agora hai que reconstruír o espazo, traballar moi duro estes catro anos para volver a retomar esa alternativa que creo que na rúa segue vixente. É unha cuestión que levará tempo, levará esforzo, pero creo que temos as forzas suficientes para volver comezar unha andaina que seguimos a nivel galego sendo a referencia das mareas e seguiremos nesa liña”, apuntou Suárez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade