Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PPdeG é a primeira forza en Santiago, mentres que o BNG adianta ao PSdeG

O PPdeG é a primeira forza en Santiago, mentres que o BNG adianta ao PSdeG

Bugallo anuncia que non tomará posesión como concelleiro

A segunda forza política no consistorio é o BNG, que triplica os edís de 2019

O PSOE perde catro concelleiros e queda só con seis no consistorio compostelán

G24.gal 28/05/2023 22:10 Última actualización 29/05/2023 00:50

A forza máis votada en Santiago é o PP de Borja Verea, con once concelleiros, tres máis que en 2019, pero insuficientes para a maioría absoluta

A segunda forza política no consistorio é o BNG, que logra media ducia de concelleiros cando nos anteriores comicios logrou só dous, e é unha das sorpresas da xornada.

Pola contra, o PSOE de Xosé Sánchez Bugallo perde catro concelleiros e queda só con seis no consistorio compostelán. Compostela Aberta obtén dous edís fronte aos cinco que conseguira nas eleccións de 2019. 

Con este escenario ábrese á porta a un goberno de coalición de esquerdas que podería colocar a Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa da cidade se logra pactar con PSdG e con Compostela Aberta.

Bugallo deixa a corporación

Tras os resultados deste domingo, Xosé Sánchez Bugallo compareceu na conferencia de prensa desde a sede do partido compostelán e anunciou que non tomará posesión como concelleiro nesta nova etapa política que se abre no consistorio. 

Recoñeceu os malos resultados e dixo sentirse o único responsable desta perda de votos e de edís do PSdeG no concello da capital de Galicia.

"Creo que cómpre abrir unha nova etapa política en Santiago, na que eu xa non estarei. Quero dicir tamén que a miña intención é non tomar posesión na nova corporación, polo tanto, darei por finalizado o meu mandato o día 16 de xuño", anunciou Xosé Sánchez Bugallo.

Goretti pode ser a primeira alcaldesa de Santiago

Na conferencia de prensa desde a sede do BNG e arroupada por Ana Pontón, asegurou que será a primeira alcaldesa nacionalista e feminista da cidade pero que gobernará para o conxunto da sociedade de Compostela.

"Dixemos que fariamos historia, a poboación falou e dixo ben claro que quería ter unha alcaldesa por primeira vez na capital de Galicia. En primeiro lugar isto vai por todas as mulleres que abriron camiño para chegar tamén ao mundo da política. Unha alcaldesa por primeira vez feminista e nacionalista que gobernará para o conxunto da sociedade de Compostela", explicou Goretti Sanmartín.

Borja Verea: "Quero gobernar a cidade"

O candidato polo PPdeG en Santiago de Compostela Borja Verea asegurou desde a sede do partido que quere gobernar a cidade e pídelles ás forzas políticas do consistorio que así o permitan.

"Duplicamos en concelleiros a segunda forza política e estamos nun escenario excepcional e unha situación inédita sen precedentes en Santiago e en Galicia, onde a primeira forza duplica en concelleiros a segunda e onde medramos dez puntos. Quero gobernar a cidade a partir do 17 de xuño e pido ao resto de forzas políticas que non leven a Compostela as liortas dun tripartito de perdedores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade