Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP insta os socialistas descontentos a apoiar a Feijóo na investidura

O PP insta os socialistas descontentos a apoiar a Feijóo na investidura

Anímaos a asistir ao acto que o partido organiza o domingo en Madrid

O PSOE cualifica de "desesperado" o chamamento de dirixentes populares aos deputados socialistas para que apoien a investidura de Núñez Feijóo

G24.gal 22/09/2023 14:51

Alberto Núñez Feijóo estará arroupado este domingo polos expresidentes Aznar e Rajoy no acto que convoca o PP contra a amnistía. É un acto de partido, pero ábrenlle a porta a outras militancias.

Os populares cren que moitos votantes do PSOE están arrepentidos de apoiar a Sánchez e mesmo animan os deputados socialistas a romper a disciplina de partido e apoiar a investidura de Feijóo. Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, "as voces críticas con Pedro Sánchez cada día son máis".

Unha desas voces críticas é a do presidente de Castela-A Mancha, que falou por teléfono con Alberto Núñez Feijóo este xoves. O PP nega que lle pedise o seu apoio para a investidura. Segundo Gamarra, falaron "dos problemas reais que teñen os castelán manchegos e, por tanto, da vontade de gobernar para absolutamente todos".

Pola súa parte, Emiliano García-Page, advertía, nunha entrevista na Cadena Ser, que "quen xogue a que a falta de votos do PP a compensen tránsfugas no PSOE, pode que os atope, pero eu non os amparo".

Dende o Goberno confían plenamente en que non haberá tránsfugas no PSOE. A Raquel Sánchez,  ministra de Transportes en funcións, as apelacións dalgúns dirixentes populares parécenlle "un intento á desesperada do PP" e "un exercicio de puro esperpento".

Para a líder de Sumar, Yolanda Díaz, "non hai máis anticipo do fracaso que facer un mitin convertido nun pseudo acto de protesta contra un goberno que non existe na antesala dunha investidura".

Un pleno de investidura do candidato do PP arrancará o martes da semana que vén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade