O PP ameaza con ir á xustiza se o Goberno ocultou información sobre a pandemia
Yolanda Díaz dixo que "viámolo vir" e que o resto do Goberno a tachou de alarmista
A vicepresidenta segunda fala de "polémica artificial"
A oposición reclamalle á vicepresidenta segunda do Goberno que dea explicacións no Parlamento sobre o que sabía da gravidade da pandemia en marzo do ano pasado.
Yolanda Díaz desvelou onte que daquela "viamos o que ía pasar. Tanto foi así que o 4 de marzo presentei unha guía que foi enormemente polémica dentro do Goberno e fóra. Acusáronme de ser unha alarmista".
Refírese a unha guía sobre como actuar nos centros de traballo no caso de detectar algún positivo que se presentou días antes da irrupción da pandemia en España. Daquela, a polémica saltara por actuar á marxe do Ministerio de Sanidade.
Agora a oposición retoma o asunto para acusar o executivo de ocultar a gravidade da situación para non frustrar as manifestacións feministas que se ían celebrar 4 días despois. Ciudadanos e VOX piden que Díaz compareza no Congreso.
O PP vai máis aló. Pablo Casado reclama unha comisión de investigación "e se non, solicitaremos que a fiscalía abra dilixencias contra os responsables públicos que puideron ocultar informacíón".
Díaz lembrou que o PP xa lle preguntara daquela pola polémica e que tamén eles lle chamaron entón alarmista. "E hoxe está facendo exactamente o mesmo: xerar unha gran polémica artificial", dixo a vicepresidenta.
E o Goberno defende que sempre actuou seguindo o criterio dos científicos. A súa voceira, Isabel Rodríguez, asegura que "o Goberno actuou sempre para protexer a saúde de todos os españois e fixémolo da man dos expertos".
O executivo contrapón as críticas de Casado cos eloxios a España da Organización Mundial da Saúde a España pola xestión da crise.