O porto deportivo de Baiona, denunciado por verter hidrocarburo á rede de saneamento
A investigación partiu dun bando publicado o pasado 24 de novembro polo alcalde
Imaxe de arquivo
A Garda Civil presentou unha denuncia contra o porto deportivo de Baiona, ao que acusan de verter hidrocarburo á rede de saneamento municipal.
A investigación partiu do bando publicado o pasado 24 de novembro polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña, no que advertía que se detectaron verteduras de combustible en varios puntos da rede de saneamento municipal. Este episodio, segundo o rexedor, "xerou cheiros e posibles gases perigosos e inflamables".
As inspeccións realizadas pola patrulla do Seprona da Garda Civil de Vigo lograron situar unha vertedura de hidrocarburo en datas coincidentes co inicio deses cheiros.
Esta vertedura, segundo a Garda Civil, procedía das instalacións do porto deportivo de Baiona. Ao revisar o seu interior, os axentes identificaron, nun primeiro momento, que a posible causa da vertedura estaba relacionada cos traballos de limpeza interior e recuperación dun iate afundido en datas pasadas e que estaba a ser reparado no porto.
Pero días despois, os efectivos do Seprona chegaron á conclusión de que o depósito de almacenamento de gasolina do porto sufriu, por causas descoñecidas, unha serie de filtracións de auga salgada, mesturándose co carburante existente.
Ante estes feitos, persoal do porto procedeu ao baleirado da mestura existente no interior do depósito, coa axuda de mangueira, a unha fosa de decantación. Esta fosa comunica co saneamento municipal da localidade.
A Garda Civil presentou a denuncia ante as autoridades competentes, entre elas o Concello de Baiona, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta e Portos de Galicia.