O porco celta, en perigo de extinción

Actualmente, hai uns 4.000 exemplares desta raza autóctona, repartidos en 150 granxas

Félix Aragunde 23/11/2023 20:31 Última actualización 23/11/2023 20:38

O porco celta é unha das seis razas porcinas que se encontran en perigo de extinción en todo o ámbito estatal. Para que esta raza autóctona deixe de encontrarse en risco, en Asoporcel sinalan que será necesario multiplicar por 30 o número de femias reprodutoras.

Cristina Díaz, enxeñeira agrónoma de Asoporcel: "Temos sobre 4.000 exemplares de porco celta, dos cales hai unhas 500 nais. Para saíren do perigo de extinción, habería que chegar a 15.000 nais. Como se ve, estamos moi lonxe de chegar a esas cifras".

A día de hoxe hai uns 150 produtores dedicándose á cría desta raza autóctona. As explotacións medias contan, como moito, con entre 20 e 30 cabezas e catro ou cinco nais.

Segundo destacan na asociación de criadores de porco celta, é precisa unha maior profesionalización do sector, a fin de incrementar a súa rendibilidade. No caso desta granxa de Cospeito, funciona como un complemento á actividade principal. 

José Vega, criador de porco celta: "Andamos por unhas 80 cabezas de media, e en principio resulta rendible. Non é a principal fonte de ingresos, pero si que ten a súa rendibilidade".

Cristina Díaz, enxeñeira agrónoma de Asoporcel: "Na explotación media de porco celta teñen catro ou cinco nais como máximo e ceban a produción que lle dan. Aos poucos, vanse incorporando granxas máis profesionais, cun maior número de nais".

Con só sete explotacións industriais ata o momento, a situación do porco celta será obxecto de análise na xornada técnica monográfica que se vai celebrar este sábado no Pazo de Feiras de Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade