O pontevedrés Juan Antonio Saavedra estará nos Xogos Paralímpicos de París 2024
Saavedra tamén foi o primeiro deportista que obtivo unha praza de clasificación para España
Serán os seus sextos Xogos Paralímpicos
O pontevedrés Juan Antonio Saavedra conseguiu a primeira praza para o Equipo Paralímpico Español nos Xogos de París 2024 tras alzarse coa medalla de ouro na Copa do Mundo de Tiro de Changwon (Corea do Sur), competición que outorgaba a clasificación directa aos seus vencedores.
Cunha puntuación de 637,7 na rolda inicial, que supuxo un novo récord de España, Saavedra foi o mellor dos oito tiradores que accederon á final da proba mixta de carabina tendido a 10 metros (R3). Alí fixo unha nova demostración de puntería ata levar a medalla de ouro con 253,4 puntos, por diante da ucraína Iryna Shchetnik (252,9) e da tailandesa Chutina Arunmat (231,3).
Con esta vitoria, o galego asegurouse tamén a súa presenza nos Xogos Paralímpicos de París 2024, os sextos aos que acudirá o tirador tras competir xa en Sídney 2000, Atenas 2004, Londres 2012 (con medalla de prata), Río 2016 e Tokio 2020 (bronce).
Nesta última cita paralímpica, Saavedra tamén foi o primeiro deportista que obtivo unha praza de clasificación para España.