O Pontevedra volve gañar e pasa a depender de si mesmo
A só tres puntos do Adarve, o Pontevedra ten na súa man asaltar o liderado
As lesións e expulsións do Arenteiro condicionaron a goleada dos granates (1-5)
Diante de máis de 150 seareiros granates que viaxaron ao Carballiño, o Pontevedra rachou coa mala xeira de dúas derrotas consecutivas e goleou ao Arenteiro para depender de si mesmo na loita polo liderado.
Abriu o marcador Álex González no minuto 25. Cede Abelenda e fusila o capitán. Pero os de Fran Justo seguían no partido, mirade a ocasión que ten Uxío da Pena. No minuto 41 o colexiado decide amosar cartón vermello directo a Adrián Cruz ao considerar que pisa o xemelgo do propio Álex González. Aí comezou a desequilibrarse a balanza, expulsión e fermoso gol co calcaño de Diego Seoane xusto antes do descanso.
E na segunda parte, máis problemas para o Arenteiro, lesión muscular de Uxío da Pena e substitución do gardameta Diego por un problema nas costelas. Pasaban os minutos e aos de Fran Justo crecíanlle aínda máis ananos. Expulsión de Pol Bueso nesta acción e Alberto Rubio marca nesa falta o 0-3.
Sobrido fixo o gol da honra de córner no 76', pero ao festín dos xogadores do Pontevedra coa súa afección aínda lle quedaban dúas celebracións. Rufo facía o cuarto nunha gran reviravolta e Seoane repetía de goleador no tempo engadido. Tarde redonda para situarse a só tres puntos do Unión Adarve.