O Pontevedra non pode co Ourense nunha pataqueira (0-0)
O árbitro anulou dous goles granates no arranque do partido
O Pontevedra dispuxo de máis e mellores ocasións
O Ourense quedou con dez por expulsión de Jerín a 12 minutos do final
O Pontevedra e o Ourense sairon conscientes de que tiñan que xogar un derbi nunha pataqueira. O céspede de Pasarón está mal, tan mal que condicionou o xogo. No arranque, os locais souberon lelo mellor. Cun xogo directo, vertical, buscando o espazo. Nos primeiros 23 minutos, o Pontevedra mesmo marcou dous goles que lle foron anulados polo árbitro. Os dous de Álex Compa. No primeiro chifrou falta de Rubén López e no segundo fóra de xogo do propio Compa.
Os visitantes, aos poucos, lle foron collendo o aire ao partido e, pasada a media hora, conseguiron nivelalo. De aí, ata o intermedio, ir e vir do balón en longo, sen perigo. E choque de equilibrio.
Á volta, O Ourense tratou de buscar máis fútbol cos cambios (Martín Ochoa e Rabadán) e o Pontevedra seguiu nas mesmas; na procura dos envíos longos ao espazo. Con Compa desperdiciando un man a man co porteiro Ratón e Yelko Pino avisando desde a distancia. Os locais seguían a fallar. E, como sucedera na primeira parte, pouco a pouco, o Ourense comezou a mellorar. Pasada a hora e partido daba os primeiros avisos desta segunda parte con Martín Ochoa e unha falta de Gerín.
Os visitantes foron a máis e Pasarón, por primera vez, sentiu perigar o partido. Mais a situación durou pouco porque, en apenas cinco minutos, Jerín apañou dúas amarelas e deixou ao Ourense con dez (minuto 78). De aí ata o final, asedio dos granates sen opcións claras e sen resultado.
Empate sen goles final en Pasarón que sabe mal aos locais, que afonda na seca goleadora granate. Un gol nos últimos seis partidos. E que ten valor de tesouro para os das burgas.