O Pontevedra asalta Balaídos nun partido trepidante (1-2)
Partido espectacular, de poder a poder, en Balaídos
Óscar Marcos adiantou o filial, pero Alain empatou antes do descanso
Na segunda parte asinou a remontada Brais Abelenda, de penalti
Partido vibrante, de poder a poder en Balaídos cun Pontevedra que buscou controlar desde a posesión e un filial que preferiu pechar, roubar e buscar as transicións. Choque de estilos con intercambio continou de ocasións que se inclinou ao fío da media hora, logo dunha fermosa acción de Óscar Marcos na frontal, con xiro eléctrico e golpeo milimétrico. Gol de clase para o Celta Fortuna.
Mais, co tanto encaixado, o Pontevedra non dubidou, refrendou a súa aposta e encontrou premio na última acción do primeiro tempo. Nun córner, que cabeceou poderoso, no segundo pao, Alain Ribeiro.
Á volta dos vestiarios, o partido seguiu a ter ritmo alto e sensación de descontrol, pero con menos ocasións. Ata o minuto 65. Aí un saque de portería de Edu Sousa converteuse nun balón profundo para Álex González e o seu centro petou na man de Gavián. Penalti. Penalti que marcou Brais Abelenda.
No que restaba buscouno o Celta Fortuna, pero o Pontevedra soubo manexarse con oficio.