Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous goles do Mallorca na prórroga de Pasarón decantan a eliminatoria (0-2)

Dous goles do Mallorca na prórroga de Pasarón decantan a eliminatoria (0-2)

G24.gal 04/01/2023 19:33 Última actualización 04/01/2023 21:28

Magnífico ambiente en Pasarón, como non se lembraba desde había moito tempo con máis de 10.000 seareiros para presenciar o partido de Copa diante do Mallorca. 

A primeira parte tivo moito ritmo. Malia estar o campo moi brando os dous equipos dérono todo á procura dun gol que abrise o camiño dos oitavos. Ruíz de Galarreta a piques estivo de conseguilo para o equipo de Primeira no minuto 8 e respostou o Pontevedra cunha ocasión de Martín Diz. 

O dominio era alterno pero as mellores ocasións caían do lado visitante, sobre todo grazas á velocidade de Amath Ndiaye, un auténtico pesadelo para a liña de tres defensiva pontevedresa. 

O segundo tempo comezou con dúas grandes ocasións. A do Pontevedra na cabeza de Miguel Román e a do Mallorca nunha intervención incrible de Cortés logo dun remate de Amath nunha xogada na que Samu Araújo tocou o coiro coa man de xeito claro. 

Comezou o carrusel de trocos e Javier Aguirre meteu a artillería pesada con Kang In Lee, Dani Rodríguez e ata sacou a Muriqi no 82. O albanés tivo a mellor ocasión para impedir a prórroga no 86. Tamén o Pontevedra estivo moi preto de acadar a vitoria no 89 nun centro de Álex González que Brais Abelenda rematou desviado por moi pouco. 

O partido foi á prórroga e aí decidiu o cadro mallorquín. Unha inocente perda do Pontevedra permitiulle montar un contragolpe curto ao Mallorca que acabou co gol de Abdón Prats (minuto 96). E pouco despois era Muriqi o que remataba á rede a segunda ocasión clara do Mallorca. Ata ese intre chegaron as forzas dun Pontevedra que competiu moi dignamente pero que queda eliminado da Copa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade