O pico da sexta vaga chegará esta semana, segundo un experto matemático da USC
Juan José Nieto traballa na predición do avance da pandemia
Non descarta unha nova onda, que recibiría o nome de "Pi"
O pico desta sexta vaga da pandemia chegará probablemente a finais da vindeira semana e a partir de aí a situación comezará a estabilizarse. Algúns expertos cren que o descenso será igual de rápido que o aumento dos contaxios, porque así sucedeu en Suráfrica, de onde procede a variante ómicrom.
Pero o catedrático de análise matemática da USC, Juan Jose Nieto, que estivo este sábado no programa Bos Días, da TVG, opina que nestes momentos é imposible predicir como vai evolucionar a pandemia porque hai demasiados condicionantes.
"Eu penso que nunha semana acadaremos o pico e despois esperemos que se estabilice, pero tamén é certo que estamos na sexta vaga pero hai países como Francia que están na quinta, Kuwait, na cuarta, e o Camerún, na segunda, entón o que pode pasar é moi imprevisible".
Este catedrático, que traballa na predición do avance da pandemia a través de modelos matemáticos e que foi premiado pola Academia de Medicina, non descarta que, como afirma a OMS, a metade da poboación de Europa, ou máis, acabe contaxiada. E tampouco unha sétima vaga, que xa ten nome.
"É a seguinte letra do alfabeto grego 'pi' unha letra moi matemática".
Este experto en análises matemáticas da USC admite que hai que ir aprendendo con cada vaga, e confesa que unha das cousas que máis o sorprendeu da covid-19 foi descubrir que as persoas infectadas podían reinfectarse e contaxiar.