Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez promete o apoio do Goberno para reparar os danos do lume de Castelló

Sánchez promete o apoio do Goberno para reparar os danos do lume de Castelló

O lume segue en situación moi crítica polos fortes refachos de vento e a baixa humidade relativa, inferior ao 20 por cento

Os servizos de extinción afrontan hoxe o día máis complicado polas condicións meteorolóxicas

G24.gal 26/03/2023 21:48 Última actualización 26/03/2023 22:00

O presidente do Executivo, Pedro Sánchez, asegurou durante a súa visita ao posto de mando do incendio que segue activo no interior de Castelló que garante "todo o compromiso do Goberno cando se extingan as lapas para abordar a tarefa da recuperación".

"O máis importante é que non habemos de lamentar perdas de vidas humanas. Aínda co incendio vivo habemos de pedir precaución", sinalou Sánchez.

Destacou a solidariedade para a acollida dos preto de 1.700 evacuados polo lume desde o pasado xoves, tanto de vilas de Castelló como de Teruel.

Tamén ofreceu "toda a solidariedade e recoñecemento" aos catorce bombeiros que resultaron feridos leves nos labores de extinción, e que xa se atopan recuperados.

"Habemos de destacar non só a súa profesionalidade, senón o seu empeño e compromiso en conter este incendio", dixo.

Sánchez tamén asegurou que a voracidade deste incendio en primavera evidencia a emerxencia climática

Tras un día complicado polos fortes refachos de vento deste domingo, durante a noite, os medios terrestres arrefriaron a zona e o perímetro do lume mantense estable con 4.000 hectáreas queimadas. Segue en situación moi crítica e os medios de extinción están pendentes dos fortes refachos de vento que sopran na zona e a baixa humidade relativa, inferior ao 20 por cento.

Porque hoxe as condicións meteorolóxicas son as máis complicadas dende que se declarou o incendio, con refachos de vento de ata 70 quilómetros hora e baixa humidade.

A conselleira valenciana de Xustiza advertía: "temos o peor día dende o punto de vista meteorolóxico, o máis complicado e perigoso para os profesionais da extinción".

Toda a Comunidade Valenciana permanece en nivel extremo de risco de incendios forestais.

Últimas horas complicadas

O incendio de Castelló complicouse durante a tarde de onte. Un bombeiro quedou ferido nos labores de extinción, e só os veciños das aldeas da provincia de Teruel puideron volver ás súas casas, algunhas delas calcinadas.

Entre as 2 e as 6 desta tarde o vento de poñente acadou os 50 km por hora en Castelló e as temperaturas superaron os 20 graos. Con estas condicións, o incendio, activo desde o xoves, continúa fóra de control á espera dunha mellora das condicións climáticas nestas próximas horas, como anunciou o presidente da Generalitat Valenciana Ximo Puig.

É certo que agora desde as 8 da noite ás 4 da madrugada se abre unha ventá de oportunidade porque meteoroloxicamente a situación vai ser máis favorable. A partir das catro da madrugada volverán os ventos a aumentar e agardemos que nese momento teñamos un mellor control da situación para lle facer fronte e manter esta liña de contención que fai que o perímetro non avanzara.

Os 270 veciños de San Agustín e Olba, en Aragón, puideron volver esta tarde ás súas casas despois de tres días, porque o incendio está en fase de estabilización e baixo control na fronte que lle afecta á parte de Teruel. En total hai 840 hectáreas calcinadas e algúns dos veciños perderon as súas vivendas. 

O principal é que axuden aos veciños que perderon as súas casas, é o primeiro que debemos facer. E despois que se limpen os montes. Este monte vai estar perdido durante uns anos pero que non deixemos perder o resto de patrimonio que temos neste medio natural.

No incendio, que en total arrasou unhas 4.000 hectáreas e ten un perímetro de 40 quilómetros, traballan 700 efectivos e durante esta xornada a Generalitat pediu reforzo de medios aéreos. 1.500 veciños seguen evacuados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos