O peor terremoto na rexión en 83 anos deixa xa máis de 20.000 mortos
Os sismos en Turquía e Siria xa son máis letais que os do ano 99
A primeira axuda internacional chega á zona siria controlada polos rebeldes
Un dos cans de Bombeiros sen Fronteiras detecta o cheiro dunha persoa viva na localidade turca de Elbistán. Unha voz infantil confirma a sospeita. Dous membros desta oenegué española desprázanse por onde semella imposible, dan coa pequena e logran sacala con vida.
Será das últimas historias con final feliz. Catro días despois da catástrofe, os expertos cren que atopar superviventes roza o milagre. Como o dun bebé de 7 meses, que pasou 68 horas sepultado, ou o dun neno de 12 anos, rescatado por un equipo israelí en pleno epicentro.
Os terremotos do luns son xa máis letais que os do ano 99 na costa do mar de Mármara: para atopar outro peor na rexión temos que remontarnos a 1939. Estas imaxes de satélite, tomadas antes e despois dos tremores, amosan o alcance do desastre.
O Goberno español anuncia máis axuda. José Manuel Albares, ministro de Asuntos Exteriores, explicou: "Vai para alá esta mesma noite un hospital de campaña que é practicamente único na Unión Europea. Inclúe un quirófano e vai ir acompañado de 80 profesionais".
España tamén enviará un millón e medio de euros para as oenegués que traballan en Siria, onde a guerra dificulta a entrada de axuda estranxeira.
Os primeiros seis camións da ONU con mantas e tendas de campaña chegaron este xoves desde a fronteira con Turquia, onde xa entrou en vigor o estado de emerxencia que rexerá durante os vindeiros tres meses nas dez provincias afectadas.