Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Parlamento aproba o teito de gasto para 2023 coa oposición en contra

O Parlamento aproba o teito de gasto para 2023 coa oposición en contra

Será de 12.599 millóns de euros, un 8,2 % máis ca este ano, unha cantidade "insuficiente" para oposición e "prudente" para o Goberno galego

O conselleiro de Facenda confirmou a rebaixa do primeiro tramo do IRPF do 9,4 % ao 9 %

G24.gal 03/08/2022 08:08 Última actualización 03/08/2022 12:45

O Parlamento galego aprobou o teito de gasto de 12.599 millóns de euros, un 8,2 % máis que este ano, co voto en contra da oposición, que desconfía tanto da cifra como do uso que lle dará a Xunta a eses fondos.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, solicitou este mércores, durante o pleno extraordinario, o apoio de BNG e PSdeG para un límite de gasto non financeiro nos orzamentos de 2023 que é "responsable" e feito con "previsións prudentes", co que tentar "encarar con éxito a actual conxuntura" e protexer as familias e os sectores máis afectados pola crise e soster os servizos públicos.

O conselleiro dixo que estamos ante un teito de gasto  prudente e responsable que permitirá recuperar os niveis de riqueza previos á pandemia a principios de ano, e situar a taxa de paro por baixo do 10 por cento a finais do 2023; algo que non acontecía dende hai 15 anos.

Pero os grupos da oposición ratificaron o seu voto en contra a este teito de gasto ao considerar que non servirá para dar solucións á "complicada situación" que atravesa Galicia na actualidade tras a pandemia sanitaria e a invasión de Ucraína. 

Corgo confirmou que se van consolidar "todas as rebaixas fiscais" destes anos, á vez que se incluirán os anuncios que realizou Alfonso Rueda no seu discurso de investidura, tales como unha redución do primeiro tramo do IRPF (do 9,4 % ao 9 %), así como que as familias galegas con dous fillos menores de 25 anos contarán cos mesmos beneficios fiscais, a efectos de IRPF, que gozan a día de hoxe as familias numerosas.  

 

En fronte, Noa Presas (BNG) tachou de "corsé" este teito de gasto, que ve "rutineiro" ao non atender a unha "situación excepcional", que conta cunha subida menor que a inflación existente, "o que non vai permitir asumir o que custa de máis" soportar os custos dos servizos públicos.  

Nesta liña, Luís Álvarez (PSdeG) xustificou a negativa do seu grupo a este teito de gasto, xa que considera que non atenderá os sectores "necesitados", debido á supresión da Tarxeta Básica, así como a falta de atención a un sistema sanitario "colapsado" e a miles de dependentes que non contan con prestación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade