Peinado pide a Moncloa a axenda de Begoña Gómez e avisa de que non facelo suporía desobediencia
Tamén solicitaba "de forma íntegra e debidamente documentada e detallada", toda a información relativa ás viaxes da asesora de Moncloa Cristina Álvarez sufragadas con fondos públicos
O xuíz Juan Carlos Peinado pediu novamente á Presidencia do Goberno que lle remita as axendas da muller do presidente do Goberno, Begoña Gómez, e da súa asistente Cristina Álvarez, e avisa de que se non o fai, pode incorrer en delito de desobediencia.
Nun auto do pasado 4 de novembro, Peinado decidiu continuar a causa por cinco presuntos delitos contra Begoña Gómez, a súa asesora Cristina Álvarez, o actual delegado do Goberno en Madrid, Francisco Martín Aguirre, e o empresario Juan Carlos Barrabés, citou como testemuñas para mañá a seis cargos da Universidade Complutense e ordenou numerosas dilixencias.
Unha delas era pedir á Presidencia do Goberno que lle remitise as axendas de Gómez e Álvarez para que as analice a UCO, ademais dos datos salariais de Álvarez e "todos os antecedentes que lle consten con relación ao nomeamento de asistentes ao cónxuxe do presidente do Goberno, coa delimitación dos postos ocupados e as funcións que levaban a cabo".
Tamén solicitaba "de forma íntegra e debidamente documentada e detallada", toda a información relativa ás viaxes de Cristina Álvarez sufragadas con fondos públicos (ordes de comisión de servizo, autorizacións de desprazamento, facturas, liquidacións ou xustificantes de pago, identificación dos destinos, pago de dietas, gastos de representación...) desde a súa contratación, o 16 de xullo de 2018, ata o de agora.
Noutra resolución datada o 26 de novembro, Peinado pide de novo á Moncloa que entregue as axendas e os datos que xa solicitou o día 4 ou que "indiquen as causas polas que a día de hoxe non se remitiron ao Xulgado", apercibíndolles que "en caso de non remitilo nin alegar as causas que imposibilitan a súa remisión, poderíase incorrer nun delito de desobediencia".