O Parlamento cumpre 40 anos reivindicándose como espazo de encontro
Antes do Pazo do Hórreo, o Parlamento de Galicia tivo dúas sedes provisionais, cedidas polo Arcebispado e a Universidade: os pazos de Xelmírez e de Fonseca, que este domingo acolleron actuacións de Xabier Díaz e da Real Filharmonía para sumárense a esta celebración.
No pleno solemne os voceiros dos partidos representados na cámara defenderon o Parlamento como o espazo onde chegar a acordos que beneficien a cidadanía. O PSOE e o BNG pediron tamén actualizar o Estatuto de Autonomía.
Alberto Núñez Feijóo cualificou a autonomía como a vestimenta institucional axeitada para unha Galicia forte en España e no mundo.
"O Parlamento é o espello no que o pobo galego se recoñece. A democracia require para o seu fortalecemento de valores propios da nosa xente: a tolerancia, a alerxia aos extremismos, a querenza polos acordos e a estabilidade".
"Illa de boas formas"
O presidente da cámara reivindicou un Parlamento en contacto coa xente, que fale como a xente e responda ás súas necesidades. Miguel Santalices agradeceu tamén o ton dos deputados.
"Nestes tempos de crispación xeneralizada, este Parlamento converteuse nunha illa de estabilidade, de corrección e de respecto e de boas formas".
Uxía e un coro de nenos de Mos interpretaron o himno galego para pechar esta sesión conmemorativa.