O Parlamento aproba a lei que permite desgravar material escolar aboado en efectivo
A Cámara deulle o seu visto e prace este martes por vía de urxencia para que a dedución poida incluírse na campaña da renda deste ano
BNG e PSdeG votaron a favor da lei, pero cualificaron de "chapuza" o trámite
O conselleiro de Facend explicou que o pago debía facerse en efectivo porque "ten que estar rexistrado con medios que permitan verificar a veracidade da transacción"
Arquivo
Os grupos da Cámara aprobaron a lei que inclúe o pago en efectivo para as deducións fiscais en libros e material escolar, entre críticas de BNG e PSdeG, que votaron a favor pero tacharon de "chapuza" o trámite, e de Democracia Ourensana, que se abstivo ao considerar que é "excepcional".
No debate celebrado este martes no pleno, a deputada nacionalista Noa Presas reprochou ao Goberno autonómico que teña que facer "este remendo legal" á lei de medidas fiscais e administrativas, que non incluía o pago en efectivo. "Moito goberno de rigor, bos xestores, pero son unhas absolutos chapuzas", aseverou, ademais de reclamar que se recupere a gratuidade dos libros de texto.
Mentres, Aitor Bouza (PSdeG) puxo en valor "a reivindicación social e dos grupos da oposición" para chegar a esta modificación. "É unha mala xestión, unha absoluta chapuza", subliñou antes de avanzar o seu voto favorable argumentando que as familias "non poden quedar desamparadas pola súa mala xestión".
Pola súa banda, o portavoz popular, Alberto Pazos, lembrou que o pago en efectivo se autoriza "de maneira excepcional" e reprochou á oposición que fale de "chapuzas" e de "promesas incumpridas". "Para a oposición non é máis que outra ocasión para facer o que máis lle gusta facer, ruído", censurou.
Na súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou que a xustificación de que a dedución non puidese realizarse en efectivo "obedece á necesidade" de que o pago "ten que estar rexistrado con medios que permitan verificar a veracidade da transacción".