Poemas para lembrar a Rosalía de Castro na véspera do seu día grande
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recordou a vixencia da súa obra no contexto actual
O Manifesto recolleu o pensamento máis crítico de Rosalía contra a desigualdade e as inxustizas sociais
O luns, 23 de febreiro, celébranse 189 anos do nacemento de Rosalía de Castro. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega conmemorou a efeméride.
Fíxoo nun acto no Panteón de Galegos Ilustres, recordando á Rosalía de Follas Novas, a da denuncia social e o compromiso cos máis débiles. A carón do panteón onde repousan os seus restos, un ano máis os poemas de Rosalía resoaron en San Domingos de Bonaval.
"Vendéronlle o carro i as leiras que tiña;/ deixárono sóio cou ropa vestida./ “María, eu son mozo, pedir non me é dado;/ eu voy polo mundo pra ver de ganalo".
"Dun golpe, dun soio!, deixeinos sen vida./ E ó lado, contenta, senteime das vítimas,/ tranquila, esperando pola alba do día./ I estonces... estonces, cumprouse a xustiza".
O Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recolleu a vixencia das denuncias sociais de Rosalía, contra a desigualdade, a violencia e a cobiza.
"A súa obra aborda con verdade e lucidez toda a problemática humana, tanto desde a súa emocionalidade como na súa dimensión social e política. Isto hoxe en día é imprescindible porque se fai necesario reflexionar e actuar fronte aos perigos que vemos acotío", asegura Eva Veiga, poeta e escritora do Manifesto deste ano da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
"Os poemas que ela ten son como a grande poesía. Eses que un pode ler e dan un resultado distinto segundo a época da vida en que un os le. A lectura de Rosalía non se esgota", recordou Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Este luns, día do aniversario, a Asociación celebrará actos de homenaxe en distintas cidades galegas e promoverá a obra da autora nos centros de ensino. Súmanse así aos actos aos organizados pola propia Fundación Rosalía en Padrón e Santiago.