Publicador de contidos

Publicador de contidos

A saúde do papa Francisco "mellora progresivamente", segundo o Vaticano

A saúde do papa Francisco "mellora progresivamente", segundo o Vaticano

No seu ingreso xa descartaran que a infección respiratoria que padece fose covid-19 e as probas que lle realizaron na clínica romana en que está tamén desbotaron que se trate de pulmonía

O pontífice cancelou a súa axenda para este xoves e para mañá venres e está en cuestión a súa participación nos oficios da Semana Santa

Última audiencia xeral do papa Francisco na praza de San Pedro Última audiencia xeral do papa Francisco na praza de San Pedro
G24.gal 30/03/2023 11:01 Última actualización 30/03/2023 13:21

O cadro clínico do papa Francisco "mellora progresivamente," despois de que onte fose ingresado por unha infección respiratoria, e prosegue o tratamento indicado, segundo confirmou o portavoz da Santa Sé, Matteo Bruni. "O cadro clínico mellora progresivamente e prosegue o tratamento programado", explicou o portavoz nun conciso comunicado.

O pontífice, de 86 anos, está ingresado no apartamento papal do hospital Gemelli de Roma. Esta noite descansou "ben" e pola mañá, tras almorzar, leu algúns xornais e retomou "o traballo" desde o cuarto. Antes do xantar, ademais, acudiu á capela do apartamento do hospital para rezar e asistir á misa.

O pontífice "sofre unha infección respiratoria que requirirá uns días de tratamento médico hospitalario adecuado", comunicou a oficina de prensa do Vaticano horas despois de ser hospitalizado na tarde do mércores.

Segundo os medios, Francisco foi sometido a unha TAC no tórax e a outras probas médicas, que descartaron a pulmonía, e o seu estado de saúde non preocupa tras os resultados.

Imaxe exterior do Policlínico A. Gemelli de Roma Imaxe exterior do Policlínico A. Gemelli de Roma

Ás portas da Semana Santa

Estes problemas de saúde prodúcense só tres días antes do Domingo de Ramos, co que comeza a Semana Santa, e aínda non está claro se o papa poderá participar nos oficios, e de facelo, en que modo. Polo momento só cancelou a axenda para este xoves e para mañá.

A súa hospitalización foi algo confusa, xa que o Vaticano comunicou inicialmente que o pontífice fora ingresado "para controis programados anteriormente", sen mencionar ningún motivo. Non obstante eses controis programados non casaban con que esa mesma tarde estaba previsto que concedese unha entrevista para un programa da televisión pública RAI que tivo que ser anulada.

No hospital está acompañado polo seu enfermeiro persoal Massimiliano Strappetti. O Vaticano no comunicado indicou: "O papa Francisco está conmovido polas moitas mensaxes recibidas e expresa o seu agradecemento pola proximidade e a oración".

É a segunda vez que Francisco é ingresado neste hospital romano, despois de que o 4 de xullo de 2021 fora operado do colon, e permaneceu ingresado dez días nos que chegou a oficiar o Ángelus desde o balcón do centro sanitario.

Desde entón, o papa sufriu ademais un problema no xeonllo dereito que o obriga a andar con bastón ou en cadeira de rodas e asegurou en varias ocasións que non se quere operar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade