Publicador de contidos

Publicador de contidos

O papa desde Lesbos: "Deteñamos este naufraxio da civilización"

O papa desde Lesbos: "Deteñamos este naufraxio da civilización"

O papa Francisco denuncia entre os refuxiados a indiferenza de Europa

G24.gal 05/12/2021 13:27

Cinco anos despois da súa primeira visita, o papa Francisco regresou este domingo á illa de Lesbos. Visitou o campo de refuxiados e desde alí o pontífice pediu deter o que definiu como o "naufraxio da civilización".

Denunciou entre os refuxiados ademais a pasividade de Europa e que case nada cambiara en cuestión migratoria desde a súa anterior visita.

Tras saudar con agarimo a moitos inmigrantes durante un percorrido a pé polo campo, o pontífice lanzou unha dura e longa mensaxe en que constatou qe as migracións "son un problema do mundo", "unha crise humanitaria que nos implica a todos", pero da que ninguén semella ocuparse, malia que "están en xogo persoas, vidas humanas".

 Francisco insistiu moito en visitar de novo Lesbos durante a súa viaxe a Grecia para volver poñer o foco na cuestión migratoria, aínda que a situación do novo campo, no que viven unhas 2.200 persoas, case o 70 % delas afgáns e un terzo deles menores, é algo mellor que o que visitou en 2016 e no que vivían unhas 10.000 persoas.

Advertiu que "peches e nacionalismos, como nos ensina a historia levan a consecuencias desastrosas".

"Non escapemos rápido das duras imaxes dos seus pequenos corpos sen vida nas praias", clamou Francisco lembrando aos nenos mortos nos naufraxios. Lamentou que o Mediterráneo está a ser un frío cemiterio sen lápida e "un espello de morte".

 Para o papa pouco cambiou na cuestión migratoria desde que hai cinco anos chegou a Lesbos. Fixo notar na súa alocución, sobre determinadas posicións políticas, que "é fácil arrastrar á opinión pública, fomentando o medo ao outro".


 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar