Denuncian perdas millonarias pola descoordinación na xestión do marraxo
Din que acumulan dous millóns de euros en perdas pola falta de coordinación dos ministerios implicados
Catro organizacións galegas de produtores pesqueiros lanzan un manifesto conxunto para protestar por unha descoordinación que -din- os está levando a perdas millonarias.
Son as OPP de Vigo, Lugo, A Guarda e Marín, que xuntan unha frota duns 130 palangreiros de superficie.
O problema é que as cotas de pesca do marraxo azul asígnaas o Ministerio de Pesca pero, dende 2020, para comercializar esas capturas é necesario un certificado que depende de Transición Ecolóxica.
É o certificado CITES, que garante que o comercio internacional de animais e plantas non ameaza a supervivencia das especies.
"Todo o que capturamos en augas internacionais necesita certificado CITES para entrar na conxeladora en España, e necesita certificado para saír", explica Sergio López, xerente da OPP de Lugo.
O problema é que o cupo de certificación é menor que a cota asignada por Pesca a cada caladoiro. Son buques que dan mareas longas, así que a moitos cólleos con capturas legais a bordo, que xa non poden vender.
"Chegas co produto dende o Pacífico ou o Índico, que leva un custo moi alto traelo, e cando chegas dinche que non hai cupo e que non podes vendelo", explica Edelmiro Ulloa, director xerente de OPNAPA.
Ulloa calcula que ao perder esas vendas perderon uns dous millóns de euros. E advirte ademais do custo extra que supón a destrución desas capturas.
"Non se pode destruír en calquera sitio, hai que levalo a unha planta á Coruña, e todo iso custa moitos cartos", afirma.
E aínda non lles comunicaron cantos quilos vai certificar CITES este ano, así que, de momento, non poden pescar marraxo.
"O resto de países están pescando, estamos nunha situación de desamparo" explica o xerente da OPP de Lugo.
Di que eles xa reclamaron compensacións polas capturas inmobilizadas en 2020, e pensan volver reclamar.
"A resposta do Miterd é que a xestión pesqueira é de Pesca, e Pesca di que é culpa do Miterd, así que acabaremos no xulgado".