O Ourense mantén a ilusión de xogar o play off polo ascenso
Conseguiu gañarlle a Palencia por 94-84 e queda a un só triunfo do noveno posto
O Aircargobooking Ourense mantén as esperanzas de xogar o play off polo ascenso da Primeira FEB. Gañoulle ao Palencia no Paco Paz (94-84) nunha final para o equipo de Moncho López e está a un só triunfo do noveno posto con tres xornadas por diante.
O primeiro cuarto do COB resultou espectacular, cunhas porcentaxes de tiro inmellorables que o levaron a recoller unha vantaxe de trece puntos (30-17). O Palencia, na última oportunidade por ter vantaxe de campo nos cuartos de final do play off, buscou a reacción e atopouna no segundo cuarto. Conseguiu comerlle terreo ao Ourense ata chegar ao descanso metido no partido (50-47).
O partido equilibrouse totalmente (55-55), pero un parcial de 9-0 devolveu a iniciativa ao COB, que entrou por diante no último cuarto grazas ao gran traballo de Diogo Brito (22 puntos, 33 de valoración). Palencia non estivo atinado e no momento que se achegou a sete puntos apareceu o debutante Barton (4 triplas) para poñer dez puntos de marxe (85-75). Xa non habería posibilidade de remonta para os visitantes e o Aircargobooking festexou un triunfo que o mantén con vida.