Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Obradoiro volve perder en Palencia (92-83) e queda eliminado da loita polo ascenso

O Obradoiro volve perder en Palencia (92-83) e queda eliminado da loita polo ascenso

O Palencia asinou tres triunfos consecutivos na serie, que acabou 3-1

O cuarto encontro foi igualado, pero fuxiu nos últimos minutos

Foto: @OBRADOIROCAB
G24.gal 25/05/2025 22:05

O Obradoiro quedou fóra da loita polo ascenso á Liga ACB, categoría que perdía hai agora un ano. O seu verdugo foi o outro equipo descendido, o Palencia, que se clasificou para a final a catro gañando tres encontros consecutivos para pechar a serie 3-1. 

O equipo santiagués saíu con moita forza, e conseguiu desactivar en parte ao pavillón palentino con catro triplas consecutivas de saída para un 0-12 que lanzaba aos santiagueses. Pero o Palencia non se desanimou, e comezou a reducir a desvantaxe limitando ao Obradoiro a unha única canastra en varios minutos. Dimtrov acababa empatando o partido a 14 e, a dous minutos do remate do primeiro cuarto, Kunkel colocaba aos seus tres puntos por diante por primeira vez no partido.

O Palencia estaba mellor nese treito de encontro, e colleu vantaxe ata o remate da primeira metade. Pero, logo dun tempo morto galego cando a vantaxe local era de oito puntos (40-32), o Obradoiro reaccionou grazas a Sergi Quintela. Cun roubo e unha tripla deixaba os seus a dous puntos. A primeira metade acababa cun marcador de 43-42, despois dun mate de Balvin e un tiro libre de Barcello.

O terceiro cuarto tamén foi igualado. Unha tripla de Davison establecía un parcial de 0-8 e a vantaxe de tres para Obradoiro. Pero o Palencia volveu reaccionar, e o tempo rematou con empate a 59. A mala noticia para os locais foi a lesión de Nkereuwem.

O último cuarto comezaba tamén con igualdade, pero axiña chegou unha acción chave. Falta e tripla de Borg. No seguinte saque, tripla tamén de Kunkel, e seis arriba para Palencia. Respondía Balvin cun 2+1. O partido seguía a base de triplas, con dous equipos respondendo, pero a vantaxe foi medrando ata os 8 puntos a prol do Palencia. E volvía o Obradoiro con dúas triplas consecutivas para colocarse outra vez a 2. Chegaba o encontro ao treito decisivo e Wintering botou o equipo ás costas. Unha falta antideportiva de Sergi Quintela sobre o base permitía cinco puntos consecutivos e a vantaxe ía aos 10 puntos a falta de minuto e medio.

Xa non houbo opción para o cadro santiagués, que perdeu por 92-83 e despídese da temporada sen estar na Final Four polo ascenso á ACB.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade