Publicador de contidos

Publicador de contidos

O novo modelo de residencias aposta pola "humanización" e "tecnoloxía"

O novo modelo de residencias aposta pola "humanización" e "tecnoloxía"

Implanta medidas atendendo a cada caso particular

Aposta polos cuartos intelixentes que avisarán de caídas ou se o paciente deambula pola noite

G24.gal 21/12/2021 18:55

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o novo modelo de residencias de maiores que prepara a Xunta estará baseado en catro piares fundamentais, que serán "a humanización do trato" e a formación dos profesionais; o aproveitamento do "potencial tecnolóxico", a mellora na coordinación cos servizos sanitarios, e as reformas estruturais.

En relación coas medidas de humanización das residencias e a formación do persoal, a conselleira avanzou que o novo modelo "desterra" as suxeicións físicas e farmacolóxicas, excepto en casos extraordinarios e "sempre pautados por un médico", e ademais "favorecerá as saídas dos residentes".

"Permitirase sempre que os familiares poidan visitar aos cuartos e comer cos seus familiares", declarou García, que tamén apuntou a liberar "todas as limitacións horarias que non sexan estritamente imprescindibles" neste sentido.

O novo modelo contará tamén cun plan de actividades deseñado para cada residente "que teña en conta os seus gustos, as súas preferencias e tamén a dos seus familiares e que axude a conservar o seu nivel de vida física e mental", e poñerase en marcha a nivel autonómico unha oficina de atención ao residente e ás súas familias.

Ademais, todas as residencias de máis de 100 prazas deberán contar cun consello asesor con funcións consultivas.

Respecto ás novas tecnoloxías, García destacou que ao longo de 2022 todos os centros de maiores públicos van transformar en "residencias intelixentes", con medidas como a creación de "cuartos intelixentes", con sensores que avisen de se a persoa maior ten unha caída ou deambula pola noite; a instalación de sistemas de entretemento e comunicación cos seus familiares tanto nos propios cuartos como nos espazos comúns, ou a creación dun novo sistema de seguimento para os pacientes.

Implantarase ademais en todos os centros que conten con persoal sanitario a última versión da historia clínica electrónica. Respecto ás reformas estruturais, introduciranse a creación das unidades de convivencia, dun máximo de 25 persoas.

Ademais, os usuarios destes módulos seleccionaranse polas súas preferencias persoais antes que polo seu grao de dependencia e as unidades estarán decoradas como o estaban os domicilios dos usuarios.

Por último, en relación á coordinación cos servizos de saúde, algunhas das medidas son a creación das primeiras unidades de coidados intermedios -para persoas que recibiron a alta do hospital pero seguen requirindo acompañamento social-; o servizo de medicación por parte de hospitais a todas as residencias de máis de 90 prazas ou a elaboración de plans de continxencia nas residencias, coñecidos por profesionais, familiares e usuarios.

Tamén a creación de vías rápidas para acceder ás Urxencias e ao hospital de día e a posta en marcha dun código de residencia na central do 061, que servirá como vía prioritaria para as emerxencias de centros sociosanitarios.

Reaccións da oposición

Ante este modelo, o PSdeG criticou o "escurantismo da Xunta" ante a creación dese comité fai máis dun ano e a elaboración "en segredo" deste novo modelo.

Pola súa banda, desde o BNG, Olalla Rodil criticou que se introduzan criterios de modificación estruturais nos centros de nova creación e se abandonen aos case 22.000 usuarios que están en centros xa en funcionamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade