Publicador de contidos
Publicador de contidos

O naval vigués sae á rúa en demanda de máis seguridade tras a morte dun traballador

O naval vigués sae á rúa en demanda de máis seguridade tras a morte dun traballador

Traballadores de todos os estaleiros da cidade marchan ata a sede da Xunta para esixir que se tomen medidas logo do falecemento dun compañeiro

Entre outras cousas, reclaman que se retomen as mesas do sector naval. Denuncian que a de Prevención de Riscos leva máis de 12 anos sen convocarse

G24.gal 25/11/2022 10:37 Última actualización 25/11/2022 14:30

Os traballadores do naval percorreron as rúas de Vigo nunha manifestación tras a morte dun compañeiro este xoves nun accidente laboral.

Contra ás nove e media, os traballadores comezaban a concentrarse ás portas dos estaleiros para partir en manifestación ata a delegación da Xunta en Vigo para trasladar as súas demandas.

Os sindicatos convocaron esta parada e a mobilización para esixir maiores medidas de seguridade despois de que este xoves falecera o traballador dunha empresa auxiliar nun accidente laboral cando participaba nas tarefas de descarga dun camión no estaleiro Cardama.

Reclaman tamén que se retomen as mesas do sector naval, entre elas a de Prevención de Riscos, que segundo denuncian leva máis de 12 anos sen convocarse. Piden un maior control da Inspección de Traballo, especialmente nas empresas auxiliares, para garantir o traballo seguro.

“Non pode ser que teñamos mortes no traballo, que é o máis triste que pode pasar; que un compañeiro vaia traballar como cada día e non volva a casa, co impacto e a dor que iso supón para familia e amigos”, dixo a Efe Celso Carnero, secretario xeral de CCOO Industria en Vigo.

A marcha ata a praza de Colón realizouse en dúas columnas, ás que se foron engadindo traballadores a medida que pasaban por diante das empresas do sector.

A primeira partiu de Estaleiros Freire e pasou despois por Cardama, onde se produciu o accidente mortal de onte; por Armón e pola antiga Barreras; mentres que a segunda saíu de Teis, desde o estaleiro Metalships e pasou recoller aos traballadores de Estaleiros San Enrique, a antiga Vulcano.

“É historia e tradición no naval que cando falece un compañeiro ao día seguinte convoquemos folga e parada en todo o sector en mostra de solidariedade e apoio co falecido e a súa familia, pero este día de loito e apoio e solidariedade tamén é un día de reivindicación cara a administracións e empresas para que intensifiquen o traballo de prevención e saúde laboral”, engade Carnero.

Respecto á reclamación da UXT, CCOO e CIG de que se volva a reunir a mesa do naval, en concreto, que se faga ao redor da mesa específica de Seguridade e Saúde na que no seu día se puxeron os piares para tentar minimizar os accidentes laborais do sector, “corresponde a empresas e Xunta, por iso terminamos a marcha ante a súa sede en Vigo”, explica Carnero.

Á mobilización uníronse tamén traballadores do metal, así como o persoal de Navantia, en Ferrol, que ás 10:30 da mañá pararon de traballar como mostra de solidariedade co traballador falecido, un home de 42 anos natural do Morrazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade