O Nadal deixou unha nova repunta de casos por infeccións respiratorias
Os expertos din que a alta incididencia destes virus durará todo o mes; non se agarda que os casos baixen ata febreiro
Desde o Sergas aseguran que a atención nos servizos de urxencias está garantida
O Nadal trouxo consigo unha nova explosión de infeccións respiratorias. Na súa maioría son cadros bronquíticos que ademais conviven con outros virus. Está a ser un inverno atípico, non hai unha remuda na aparición dos virus, todos brotan ao mesmo tempo.
"Agora temos unha ensalada de virus de todo tipo, non só respiratorios, tamén hai moitos intestinais", asegura o inmunólogo, José Gómez Rial.
O último informe sitúa a incidencia dos virus respiratorios en España nos 552 casos por cada cen mil habitantes. En Galicia a cifra é menor, 400 casos. E todo apunta a que será así todo xaneiro
"Esperemos que en febreiro baixen os casos cando a xente estea máis inmunizada, probablemente é o lastre que estamos pagando a baixa inmunización", di o hematólogo Manuel Viso.
O aumento de casos tensiona as urxencias. Desde o Sergas aseguran que a atención está garantida e negan saturación no servizo.
"Temos uns servizos de urxencias ben dimensionados e usar a palabra colapso ou saturación. Se establece se a patoloxía é urxente, se é urxente se atende nos tempos marcados e a patoloxía que non o é, é a que espera, polo tanto calquera galego que vaia os servizos de urxencias pode ter a seguridade de que se ten algo urxente vai ser tratado de inmediato", dixo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Para frear a escalada de casos seguen a recomendar a vacinación.