Milleiros de persoas maniféstanse en Madrid contra o abandono do rural
Colectivos agrarios e gandeiros denuncian as políticas que lles afectan
Milleiros de persoas amosaron esta mañá nas rúas de Madrid o seu descontento pola situación que está a atravesar o mundo rural. Agricultores, gandeiros, cazadores e pescadores agrupados nunhas trescentas asociacións de toda a xeografía española, incluídas varias agrupacións galegas, acudiron a esta manifestación para denunciar a situación que se está a vivir no campo.
"Isto é unha manobra orquestrada para acabar coa vida rural, para acabar cos lugares", asegura Carlos Bueno, voceiro da Asociación para a Defensa do Medio Rural, Alma Rural.
A marcha, organizada pola Asociación para a Defensa do Medio Rural, contou coa presenza de representantes de varias formacións políticas.
Durante o transcurso do acto pediuse o apoio de toda a sociedade e reclamaron ter unha maior influencia no desenvolvemento das políticas que lles afectan.
"Somos nós os que sufrimos as consecuencias desas políticas, e moitas delas son políticas radicais, expostas dende un prisma moi diferente ao que se desenvolve realmente no campo", expoñía o voceiro de Alma Rural.
Durante a protesta léronse diversos manifestos que denuncian a competencia desleal de produtos doutros países, os baixos prezos do leite que abocan a perdas os produtores ou cuestións como a protección do lobo, que segundo apuntaron, deixan os gandeiros desamparados.