Publicador de contidos

Publicador de contidos

O metal volve á rúa en Vigo mentres a patronal insta a negociar para salvar Navalia

O metal volve á rúa en Vigo mentres a patronal insta a negociar para salvar Navalia

As patronais convocaron unha reunión da mesa de negociación para este venres

Hai convocadas outras tres xornadas de folga para os días 19, 20 e 21 de maio, coincidindo coa celebración da feira sectorial Navalia no Ifevi

EFE / Salvador Sas
G24.gal 14/05/2026 13:01 Última actualización 14/05/2026 13:49

O sector do metal da provincia de Pontevedra viviu este xoves unha nova xornada de folga en demanda dun convenio colectivo digno, cunha manifestación que percorreu as rúas de Vigo e na que participaron máis de 2.000 persoas. Entre elas, estaban os responsables dos sindicatos CC.OO., CIG e UXT a nivel galego, e os secretarios comarcais.

A mobilización deste xoves prodúcese horas despois de que a patronal convocase ás centrais a unha nova reunión para desbloquear a negociación e tratar de chegar a un preacordo. O encontro está fixado para as 9:00 horas deste venres, no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), en Rande, Redondela.

Os sindicatos advertiron de que esa convocatoria é unha "pequena vitoria", pero que o obxectivo final é lograr un convenio digno. Por iso, advertiron de que, na reunión deste venres, non se conformarán con "migallas". Hai convocadas outras tres xornadas de folga para os días 19, 20 e 21 de maio, coincidindo coa celebración da feira sectorial Navalia no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

"Queremos salarios dignos, a subrogación, xornada continua, medidas contra a tensión térmica...", subliñou Xulio Fernández (CIG), que advertiu de que un convenio de 4 anos de vixencia é "demasiado".

O responsable comarcal de CIG-Industria remarcou que, a pesar de esa convocatoria, "a loita continúa" e chamou a non afrouxar a tensión porque, se a patronal non leva unha "proposta seria" á mesa de negociación, "xa sabemos onde temos que estar o día 19" (en alusión á feira Navalia).

Na mesma liña, Adolfo Otero (CC.OO.), pediu "resistir a tensión, e insistiu en que "non valen migallas" por parte dos empresarios na reunión deste venres. Por iso, apelou a "seguir loitando" e "non dar un paso atrás".

Finalmente, Narciso da Silva, de UXT, fixo un chamamento á unidade de traballadores e sindicatos, máis aló de diferenzas ideolóxicas ou políticas, e tamén advertiu: "Se hai que ir a Navalia vaise, este sector non se acolloa, pero todos unidos".

Sen incidentes graves

A xornada de folga deste xoves, que coincidiu tamén con outro día de paro no comercio do Metal, foi cualificada como un "éxito" polos sindicatos. A manifestación en Vigo desenvolveuse sen incidentes graves, aínda que houbo lanzamento de petardos e catro contedores arderon nas rúas Camelias e Venezuela, mentres que outros foron desprazados ao medio da calzada na rúa Urzáiz.

Así mesmo, rexistrouse un corte de estrada con pneumáticos ardendo na PO-548, á altura de Valga, á primeira hora da mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade