Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mercado de Nadal do Calvario dá pulo á vida de barrio e ao pequeno comercio

O mercado de Nadal do Calvario dá pulo á vida de barrio e ao pequeno comercio

Estará aberto ata o 8 de xaneiro

G24.gal 05/12/2022 21:34 Última actualización 05/12/2022 21:46

O mercado de Nadal do Calvario, que promoven desde hai máis dun lustro os comerciantes do barrio, súmase á extensa oferta de ocio da cidade para estas festas. Estará aberto ata despois  da festividade dos Reis Magos, ata o 8 de xaneiro. 

Xente do barrio e doutras zonas da cidade que foxen do balbordo e da pompa do centro. O mercado de Nadal do Calvario fai sentir aquí iso de que o Nadal vive tamén nos barrios de Vigo. 

O mercado de Nadal naceu hai máis dun lustro. Os comerciantes pensaron que sería bo que na época do ano en que máis espelimos os cartos a xente gaste no barrio e non só nas grandes superficies e nos comercios das millas de ouro. 

"Vigo non é so o centro. Hai zonas como Teis, Bouzas, O Calvario, As Travesas, que son zonas importantes onde temos un comercio de proximidade moi familiar onde en calquera comercio que entres te coñecen", conta Encarna Álvarez, a presidenta da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Calvario.

"Aquí é un comercio de barrio onde hai persoas de moita confianza que sempre me compran e me coñecen. Porque son xente de barrio. A min encántame o Nadal de barrio onde todos nos coñecemos", explica a TVG Adela Ferreduera, que ten un posto de xoias de aceiro no mercado de Nadal do Calvario.

"Isto está moi ben para o público, para que teñan unha oferta distinta. Todo é mais pequeno, con menos xente, máis espazoso para pasear, e ver os postos. Este mercado é algo distinto", matiza Christophe Poilaine, que é dono dun posto de creps.

O mercado do Calvario estará funcionando ata o 8 de xaneiro, despois da festividade dos Reis Magos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade