O mercado da arte entra no metaverso
A Asociación Galega de Blockchain está a dixitalizar as obras dos artistas dunha galería de Bos Aires
Un colectivo galego está a deseñar o escaparate virtual dunha galería de arte arxentina que conta con varios pintores pontevedreses no seu catálogo e que quere introducirse na chamada criptoarte.
Criptoarte é a denominación para toda obra artística en formato dixital cuxa autenticidade, orixinalidade e propiedade están protexidas por un protocolo de seguridade que as convirte en únicas. Como lles ocorre aos trasuntos dixitais destes cadros.
Toda a serie física 'A iluminación do ser' do pintor vigués EloHim está toquenizada, é dicir, convertida en NFT, pezas dixitais únicas e auténticas.
No mesmo espazo de negocios vigués en que se expoñen estes cadros traballan os membros da Asociación Galega de Blockchain e Internet das Cousas. Actualmente, están a toquenizar as obras dos artistas da galería Barro, de Bos Aires, entre elas, as de dous pintores pontevedreses que tamén cotizarán no mercado dixital con valores plenos. Esa protección chámase blockchain.
Ademais da criptoarte, o sector inmobiliario e o das enerxías renovables son outros ámbitos de negocio dixital en que Agalbit desenvolve estas certificacións de seguridade.