Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mercado vigués do Calvario fai cen anos

O mercado vigués do Calvario fai cen anos

Abriu en 1925 e xa non pechou máis aínda que tivo unha reforma

G24.gal 26/11/2025 14:19

Nunha cidade en constante cambio, poucas cousas en Vigo conseguen cumprir cen anos. Unha delas é o mercado do Calvario. O máis grande e concorrido de Vigo. Construído cando Lavadores aínda era un concello independente, o mercado  é un dos referentes do barrio, que tamén acolle feiras de arte e concertos.

En agosto de 1925 abriu as súas portas o mercado do Calvario e xa non as pechou. O primeiro arquitecto foi o vigués Jacobo Esténs, e o mercado sufriu unha reforma en 1946 a cargo do arquitecto municipal Antonio Cominges. Chegou a ter un centenar de postos.

Laura Fernández herdou o posto de peixe da súa bisavoa, na súa familia viviron desde as portas de ferro, os postos de pedra, ata os actuais de aluminio. Non é a única que herdou o posto: a froiteira Sandra Franco herdou da súa avoa Maruja o lugar.

Maruja aos seus 91 anos aínda vive e gústalle pasar todos os días que pode polo posto. Vende desde froita de Bembrive en Vigo ata papaia de Brasil ou cereixas de Chile agora no nadal. A clientela agradece o produto local, e os bos prezos e a atención cercana.

É un dos mercados máis veteranos e mellor conservados. Continúa coa súa esencia, pero soubo atopar un camiño propio: feiras de arte, concertos, eventos gastronómicos. Unha proposta propia lonxe dos proxectos copiados aos mercados madrileños que non conseguen arrancar en Galicia.

Os seus xestores teñen como obxectivo vivir outros cen anos máis. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade