Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mellor mural do mundo, realizado polo artista Sfhir, está en Fene

O mellor mural do mundo, realizado polo artista Sfhir, está en Fene

O artista Sfhir realizou a obra da violoncellista na primeira edición do Perla Mural Fest

A peza coloca a Fene no epicentro da arte urbana e a Sfhir coma un dos mellores muralistas do mundo

G24.gal 01/02/2024 21:49 Última actualización 01/02/2024 22:06

Esta obra realizada en Fene polo artista Sfhir acaba de ser nomeada como o Mellor Mural del Mundo pola plataforma virtual Street Art Cities. A peza desta violoncellista, realizada na primeira edición do Perla Mural Fest en agosto de 2023, acaba de darlle un recoñecemento internacional.

"Aínda no o creo, competir con xente tan potente faime moita ilusión, un recoñecemento ao gran traballo que fixemos co meu equipo de axudantes, e moi contento tamén pola xente que vive no edifico e polos organizadores do festival, que son marabillosos e que se desviviron", explica o artista plástico Sfhir.

"Para nós isto supón moito, porque o festival fíxose en agosto e isto vainos dar un pulo para facer unha segunda edición este ano", comenta Fran Laje, da organización do Perla Mural Fest.

A intención do artista foi homenaxear a desaparecida sala Perla, que foi un cine, unha sala de baile unha cafetería e ata salón de vodas. Un verdadeiro centro cultural e de lecer para varias xeracións.

"É todo un orgullo, xa desde o momento en que se iniciaron os murais, e co progreso dos traballos os cambios eran impresionantes. O traballo está aquí para velo. E para o concello é un atractivo turístico tremendo", dixo Ángeles Coira, concelleira de Turismo en Fene.

Sfhir é un habitual dos eventos da arte urbana en Galicia e di sentirse aquí coma na casa. Asegura que na nosa terra hai unha enerxía especial e que iso tamén inflúe na propia creación artística.

"Hai sitios onde se está especialmente agusto, e sen dúbida Galicia é un deles, concretamente Ferrol. A xente tráeche comida, desfruta co teu traballo... Unha enerxía moi positiva, a que se respira cando estás pintando alí e iso vese reflectido na obra e penso que tamén isto fixo que gañásemos", argumentaba o artista plástico Sfhir.

Pola noite, cando os veciños do edificio prenden a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violoncello e o mural parece cobrar vida. Unha obra que coloca a Fene no epicentro da arte urbana e a Sfhir coma un dos mellores muralistas do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade