O Meixoeiro fai por primeira vez en Galicia un tratamento revolucionario para o cancro de esófago
O novo tratamento require poucas sesións e ten unha eficacia situada entre o 60-100 % de control da enfermidade
Imaxe de arquivo
A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Meixoeiro realizou a súa primeira intervención de braquiterapia de esófago, o que converte este hospital no primeiro de Galicia en utilizar esta técnica.
A braquiterapia é un tipo de radioterapia interna en que se coloca unha fonte de material radioactivo directamente en contacto ou dentro do tumor para tratar.
As vantaxes que ofrece esta técnica son numerosas, pois permite un maior control tumoral, é menos prexudicial para os órganos sans e non require hospitalización, polo que a calidade de vida do paciente apenas se ve afectada.
Esta operación precisou dun equipo de profesionais multidisciplinar, así como dunha nova dotación tecnolóxica.
Empregouse un endoscopio refugable de última xeración, así como innovadores sistemas de visualización, simulación e planificación 3D.
"As características desta técnica de braquiterapia “intraluminal” fan posible que sexa un tratamento eficiente e con claros beneficios en tumores de esófago xa irradiados ou localizados de forma moi superficial, e tamén en pacientes que teñan contraindicadas outro tipo de terapias”, explica nun comunicado o xefe da unidade, Víctor Muñoz.
“Ademais, ofrece grandes vantaxes fronte a outros tratamentos, como a posibilidade de realizarse en poucas sesións, de tres a seis dependendo do caso, unha maior facilidade para administrar o tratamento de forma localizada, e unha eficacia situada entre o 60-100 % de control da enfermidade”, engadiu.