O Mecalia Guardés queda a un gol de meterse na final da Liga Guerreras
Gañou o segundo partido da semifinal contra o Elxe por 23-20 pero faltoulle un tanto para remontar o resultado da ida (26-22)
O Mecalia Guardés quedou ás portas da final da Liga Guerreras. Gañoulle ao Elxe na volta das semifinais por 23-20 pero quedou a un só gol de remontar o resultado da ida (26-22). Un penalti transformado polo Elxe a dez segundos do final e un erro na última acción do partido acabaron por definir o equipo clasificado para a final.
Houbo moita igualdade na primeira parte. Sucedéronse os empates e as vantaxes mínimas para os dous equipos. O Mecalia Guardés conseguiu unha diferenza de tres goles preto do final (10-7) pero o Elxe volveu meterse no partido cun parcial de 0-2 xusto antes do descanso (10-9).
Á volta do vestiario o Guardés tivo os minutos máis inspirados de todo o partido. Cun 4-0 de inicio poñía a eliminatoria ao seu favor (14-9). O Elxe superou ese momento crítico con dúas inferioridades consecutivas e mantívose no partido (15-14) a menos de dez minutos para o final. O Mecalia pelexou por aumentar a distancia pero non conseguiu volver aos tres goles ata o último minuto (22-19). O final foi moi incerto. Chegou a poñerse por diante o Mecalia (23-19) pero un penalti transformado a dez segundos do final decidiu a prol do Elxe.