Desactivado o nivel 2 e estabilizado o incendio de Toques
As lapas deixaron calcinada unha superficie de arredor de 300 hectáreas
O incendio, que tivo varios focos activos, achegouse perigosamente ás casas
Na aldea de Penagundín, no concello de Melide, tamén viviron momentos de moita tensión
As lapas deixaron ao seu paso este panorama devastador. Nas últimas horas, o incendio declarado na parroquia de San Martiño de Oleiros, no concello coruñés de Toques, quedou estabilizado e foi desactivado o nivel 2 de emerxencia. O lume deixou calcinada unha superficie de arredor de 300 hectáreas.
"Démonos conta que estaba ardendo o palleiro porque estabamos aquí con tractores pero no vimos ningunha brigada que nos axudara. Xa é a terceira vez que quedamos sen nada, os montes todos arrasados, os prados", di un dos veciños.
"Agora quedamos sen herba, sen pastos, sen nada", comenta outro afectado.
Vivíronse momentos de moita tensión. O incendio, que tivo varios focos activos, achegouse perigosamente ás casas. Os veciños traballaron sen descanso para intentar sufocar as lapas. O lume está estabilizado pero non extinguido polo momento.
"Víase que ardía os piñeiros, a cáscara do piñeiro estala e saltaba cara á pista do outro lado. Temos que estar moi agradecidos aos veciños que viñeron cos tractores, viñeron patrullas tamén algunhas", engade outra veciña.
A veciñanza quéixase de que a zona non estaba rozada.
"Din que hai unha planta e Red Natura non deixa facer nada, non deixan rozar, limpar polos menos os camiños, facer cortalumes".
"Sínteste mal porque ademais das perdas ver todo isto negro é unha vergoña, unha pena", engadiron os afectados.
Na aldea de Penagundín, no concello veciño de Melide, tamén viviron momentos de moita tensión.
"Houbo que sacar os cans, houbo que usar auga e bañar con xurro que non había outra cousa", relatou outro veciño.
