O lume calcinou 23 hectáreas de monte en Muxía
As lapas achegáronse perigosamente ao lugar de Pardiñas, na parroquia de Nosa Señora da O
As tarefas céntranse en arrefriar a superficie queimada para evitar a reactivación dos focos
En Muxía, o lume declarado o venres queimou vinte e tres hectáreas no monte de Quintáns e achegouse ás casas do lugar de Pardiñas, pero nas últimas horas a situación mellorou notablemente. Durante este domingo os traballos centráronse en refrescar a superficie calcinada para evitar a reactivación das lapas.
Os veciños identificaron polos tres focos dun lume que se estendeu con rapidez desde Quintáns á parroquia de Nosa Señora da O.
"Empezou en Quintáns e de súpeto apareceu aquí. Chegou ata as leiras do millo", indica unha das veciñas de Pardiñas.
A intervención dos gandeiros foi de grande axuda para conter o avance do incendio.
"Os veciños coas cisternas e os gandeiros cos tractores foron os que axudaron a calmar isto un pouco. E ademais proporcionáronlles auga ás motobombas que viñeron despois", explica un veciño de Quintáns.
A estrada comarcal que vai cara á Ponte do Porto recuperou a circulación logo de permanecer pechada ao tráfico durante a aproximadamente doce horas. Os veciños agardan poder durmir despois de dúas noites en vela.