O Lugo supera o Mérida cun gol de Reniero (1-0)
O Mérida foi mellor na primeira media hora e dispuxo de ocasións
O gol de Reniero cambiou o partido
Con este triunfo o Lugo alimenta as súas opcións de playoff
Faltaban minutos para principiar do partido no Anxo Carro e Iago Iglesias, o adestrador do Lugo, tiraba con determinación do seu abrigo, tratando de tapar a maior parte de cara posible. Había que abrigarse. Do frío e do Mérida, un rival con pretensións de ascenso que chegaba tocado despois de dúas derrotas seguidas.
No primeiro cuarto de hora, os visitantes deixaron patentes as súas credenciais e as súas pretensións. Equipo ordeado, con calidade, con facilidade para o roubo e a transición. Neses primeiros 15 minutos deron tres avisos; os de Ocaso, Beneit e Dibrani. E á media hora o Mérida mesmo acertou a marcar. Gol de Areso, que lle foi anulado por fóra de xogo de Chiqui no inicio da acción. Moi xustiño. Na banda, Iago braceaba e falaba cos seus axudantes, desesperado. O Lugo arrancou embarullado, con problemas. Na primeira media hora, o Mérida foi superior.
Pero si de algo non sabe o fútbol é de superioridades e si de momentos e de goles. E iso foi o que trouxo o partido. Unha xogada marabillosa de área a área, solventando a presión rival, cun centro final de Jorge para a chegada de Reniero. E gol do Lugo. E partido patas arriba. Porque o tanto encaixado o Mérida diluise e o Lugo foi arriba. E, nun lusco e fusco, chegou a expulsión de Pipe. E a festa na bancada. Había uns minutos o choque estaba na man do Mérida pero, camiño do descanso, o partido era outro.
Á volta do descanso o Mérida buscou a épica e, por momentos, mesmo foi capaz de meter atrás o Lugo. Mais Iago Iglesias tirou do banco, removeu pezas, e o Lugo comezou a carburar. Pasou a controlar o choque e baixolle a intensidade. E así foi como deixou que o frío tomase tamén o que estaba a pasar no céspede do Anxo Carro. Ata o asubío final.
Con este triunfo os lucenses acumulan catro xornadas sen perder, seguen invictos na casa e alimentan as súas ilusións de playoff.