O Lugo suma e segue diante dunha UD Ourense que continúa última (2-0)
A expulsión de Xabi Domínguez, por un segundo cartón moi rigoroso, resultou determinante no minuto 50
O Lugo ampliou a renda e gozou dun penalti no treito final que parou Bruno Rielo
Xornada redonda para o Lugo coa vitoria sobre a Unión Deportiva Ourense acompañada das derrotas dos seus principais perseguidores, o Logroñés e o Pontevedra. Os de Borja Fernández encarrilaron o partido os dezaseis minutos cun gol de luxo no que Rufo inicia e culmina unha magnífica xogada individual tras apoiarse en Gallar. O lateral celebrou a renovación co seu primeiro gol da temporada. Magnífico o seu recorte coa dereita e o remate coa esqerda batendo a Bruno Rielo, novidade na portería ourensana.
A media hora de xogo, o técnico Agustín Ruíz reclamou penalti por unha caída de Baldrich dentro da área que o colexiado desestimou. E antes de chegarse o descanso, os lucenses puideron aumentar a vantaxe nun lanzamento de falta de Chiqui que tropezou no traveseiro.
Nada máis volta da caseta, o derbi ía quedar decantado. Xabi Domínguez viu o segundo cartón amarelo por unha falta sobre Mo Dauda. E inmediatamente despois, Guille Berzal entra no campo para facer o segundo tanto branco e vermello nunha contra na que Chiqui asiste o seu compañeiro no dous a cero. Terceiro tanto do madrileño en 270 minutos de xogo.
O Lugo aínda disporía doutra oportunidade de aumentar a súa vantaxe a catro minutos do remate nun penalti de Cabrera a Álex Costa. O dianteiro encárgase de executalo, pero Rielo responde cunha magnífica intervención.
Finalmente, dous a cero para un Lugo que marca distanzas.