O Lugo sácalle un empate ao líder en Tenerife (1-1)
Enric Gallego adiantou aos locais de penalti, pero igualou Unzueta
O Lugo sumou a súa quinta xornada consecutiva sen perder. E fíxoo no campo do Tenerife, líder intratable da categoría, que encadea a terceira xornada consecutiva no Heliodoro Rodríguez sen acadar unha vitoria.
E iso que o partido se puxo de cara axiña para os canarios. Un balçon longo do porteiro Dani atopaba a De Miguel, e José AMo pisaba ao dianteiro dentro da área, como revelou a revisión do árbitro despois de indicar falta fóra. O penalti converteuno o pichichi, Enric Gallego, no seu décimo cuarto tanto da temporada. Era o minuto 26.
Pouco despois, no 33, puido ampliar a renda Landázuli, pero o seu gol foi anulado. O Tenerife creou moito perigo a balón parado, e con centros laterais, sobre todo pola banda dereita do galego Noel López. Os canarios estrelaron ata tres balóns na madeira de Marc Martínez.
Pero o Lugo reaccionou no treito final da primeira metade, cun remate ao pau de Neco Celorio na últim aacción.
Na continuación chegaron os cambios, e o equipo galego acadou o empate. Foi no minuto 77, cando unha boa acción de Gallar, que baixou un pase lonxano e asistiu atrás, culminouna Unzueta co tanto do empate, un remate axustado lonxe do alcance de Dani Martín. É o seu sétimo gol da temporada.
No treito final, o Tenerife intensificou o seu dominio, aínda que o Lugo non renunciaba a culminar a remonta. E así chegaron as últimas ocasións, co remate ao pau de Gastón, e un par de grandes intervencións defensivas, cunha man espectacular de Marc Martínez, e outra gran acción de Ibaider para impedir o tanto.
O empate a uns mantén ao Lugo na zona de promoción de ascenso, logo de cinco xornadas sen perder.