Yago Iglesias deixa o banco do Lugo despois do empate co Arenas (1-1)
Unzueta adiantou aos lugueses, pero Zabala empatou pouco despois
Na segunda metade xa non se moveu o marcador
Só dúas horas despois do partido, o Club publicaba un comunicado indicando a remuda no banco, que asume Álex Ortiz de xeito interino
O Lugo recibía ao Arenas coa oportunidade de asaltar o postos de promoción de ascenso, nun partido disputado no Anxo Carro, e que rematou con empate. Resultado que provocou, un par de horas despois, a decisión da remuda no banco do equipo, que deixa Yago Iglesias. O club agradeceulle nun comunicado o seu traballo, e anunciou que Álex Ortiz asume de xeito interino.
Un a un foi o resultado do partido. Os dous goles marcáronse no primeiro tempo. Adíantouse o conxunto lugués logo dunha acción embarullada que finalizou cun bó disparo desde a frontal Unzueta. Era o minuto 22.
Pero o Arenas, inmerso na loita pola permanencia, logrou a igualada no minuto 33. O gol chegou tamén despóis dunha serie de rexeitamentos que acabou cunha boa definición de Zabala. O asistente indicou fóra de xogo, pero trala revisión o árbitro determinou que a posición do xogador visitante era correcta. Subía así o un a un definitivo ao marcador.
Na segunda metade intentouno máis o Lugo, que gozou de varias boas ocasións. Especialmente nun disparo de falta de Gallar que sacou Sergio Aragoneses, e outro remate lixeiramente desviado de Lago Junior logo dunha longa acción de ataque, xa no treito final. Tamén se pediu un penalti que o árbitro non concedeu.
O Lugo suma 42 puntos, a só un dos postos de playoff de ascenso. Situación que provocou a decisión do cambio no banco cando quedan só nove xornadas por diante.