O Lugo cae pola mínima en Zamora e segue sen gañar
Un gol de Eslava, aproveitando un erro na saída, decidiu o choque no 64'
O equipo galego é penúltimo cun so punto en tres partidos
O Lugo segue sen gañar neste inicio de temporada. Na terceira xornada apañou a súa segunda derrota, desta volta por un a cero en Zamora, e so conseguiu marcar un tanto de penalti.
A primeira metade tivo alternativas no xogo, e ocasións para os dous conxuntos. Por parte luguesa, Lago Junior era o primeiro en probar fortuna topando con Sobrón. E logo disparaba Víctor Pastrana. Pola parte local, a máis clara do treito inicial era un remate de Farrell que paraba Íker Piedra. Un remate de Márquez botáballe o pano a este primeiro acto.
Na segunda metade puido adiantarse o cadro galego cun disparo de Celorio que paraba Sobrón, pero foi o Zamora o que desequilibrou a igualada. E foi nun erro na saída de balón. Non precisou o pase atrás Álex Carbonell, e habilitou a Eslava, que marcaba o que sería o único tanto do encontro.
Sucedéronse os achegamentos, pero as defensas impoñíanse. A última gran xogada, iso si, foi do Lugo, cun remate lonxano de Samanes no engadido que detivo Sobrón en dous tempos. Derrota do Lugo no Ruta da Prata, que deixa aos de Yago Iglesias no penúltimo posto cun so punto, e aínda sen vitorias.