O Lugo perde co Unionistas (1-3) e ve freada a súa escalada na táboa
Os de Yago Iglesias víronse con dous goles de desvantaxe e non foron quen de remontar
Perden a oportunidade de ocupar postos de promoción por primeira vez
O Lugo tiña a oportunidade de asaltar os postos de promoción de ascenso logo dunha serie de tres vitorias consecutivas. Pero a festa foi de Unionistas, que chegaba ao Anxo Carro nos postos de descenso e, co triunfo, sae deles.
O partido desnivelouse axiña a prol dos charros. Foi nunha xogada polo costado dereito da área, na que o árbitro indicou penalti de Nathanel Nicholas. Álvaro Gómez transformaba o lanzamento enganando a Íker Piedra, e Unionistas tomaba vantaxe.
Puido igualar o choque pouco despois o Lugo, pero comezaba a evidenciar que non era o seu día de cara ao gol. Jorge González remataba fóra dende a frontal da área pequena, e despois Nicholas cabeceaba tamén desviado a boca de xerro noutro envío desde a dereita.
Maior puntería amosaba Unionistas. Aarón Piñán topaba coa escadra nun remate desde a esquerda á media hora. E, un minuto despois, chegaba o 0-2, nun córner desde a dereita que remataba Pere Marco sen oposición.
Tivo que empregarse a fondo o porteiro Marco a saque dunha falta para evitar o gol do Lugo e, aínda na primeira metade, Álvaro Gómez volvía topar coa madeira á saída dun córner.
A segunda metade foi do Lugo. Despois dun remate lonxano de Lago Junior, ía chegar o 1-2. Foi nunha longa xogada que comezaba e culminaba Teofilovic. Chegaron entón os mellores minutos dos lugueses no partido, pero non foron quen de empatar o resultado, e Mounir acabou metendo o terceiro á contra, xa no tempo engadido.
Aínda houbo tempo para que Teofilovic fose expulsado por un golpe a un rival. O Lugo viu freada a súa serie de vitorias, e queda con 29 puntos, máis preto da zona de promoción que da de perigo.