Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Liceo aumenta a súa lenda co oitavo título de liga

O Liceo aumenta a súa lenda co oitavo título de liga

G24.gal 18/06/2022 19:47

Logo dunha longa noite de festa, a expedición do Liceo chegaba á Lavacolla co ansiado trofeo que acredita o equipo coruñés como campión da OK Liga. Os abrazos, as fotos de familia, a ledicia en definitiva dun grupo excepcional que conseguiu un obxectivo tan complicado como satisfactorio.

Un emocionado Juan Copa intentaba expresar a felicidade dun equipo que sempre compite. 43 títulos en 40 anos falan da grandeza do club máis laureado do deporte galego. A liga conquistada en Reus é a oitava. Sempre loitando contra os elementos. Viaxes e máis viaxes a Cataluña. A última, a máis feliz, co triunfo no terceiro partido do playoff polo título. Un playoff resolto pola vía rápida. Tres vitorias, a de onte, por dous goles a cinco, nunha das pistas máis complicadas da OK Liga, cun ambiente infernal e respondendo a cada adversidade cunha personalidade propia dun gran grupo de deportistas.

O título ligueiro vai dar paso a unha reconstrución total do cadro de xogadores. Juan Copa terá un equipo case novo a vindeira temporada. Só seguirán Dava Torres, César Carballeira e Álex Rodríguez. Os demais, como Roberto di Benedetto, din adeus, ou quen sabe, só ata logo.

Entre os máis grandes do mundo. Aí está, case sempre, o Deportivo Liceo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade