Publicador de contidos

Publicador de contidos

O IPC pecha agosto no 10,5 % co prezo dos alimentos disparado

O IPC pecha agosto no 10,5 % co prezo dos alimentos disparado

O INE mantén no 6,4 % a inflación subxacente, que non inclúe nin alimentos frescos nin enerxía, tres décimas máis que a rexistrada en xullo

En agosto subiron os prezos da electricidade e dos alimentos

O IPC aumentou un 11 % en Galicia, medio punto menos que en xullo

G24.gal 13/09/2022 08:49 Última actualización 13/09/2022 12:11

A inflación en España disparouse no mes de agosto ao 10,5 %, unha décima máis da taxa que adiantou o Instituto Nacional de Estatística o pasado 30 de agosto e tres décimas menos que a rexistrada no mes de xullo.

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual ata o 10,5 % débese, principalmente, á baixa dos prezos dos carburantes. De feito, o grupo de transporte moderou máis de 4,5 puntos a súa taxa interanual, ata o 11,5 %, debido ao abaratamento das gasolinas e lubricantes.

Os elementos que máis subiron en agosto respecto ao mesmo mes de 2021 foron os combustibles líquidos (79,1 %), outros aceites (71,2 %), electricidade (60,6 %), fariñas e outros cereais (39 %) e manteiga (31,8 %), mentres que os que máis baixaron foron as peaxes e aparcadoiros (20,5 %), servizos de telefonía móbil (6,3 %), equipos de telefonía móbil (5,1 %), equipos audiovisuais (4,9 %) e computadores persoais (4,6 %).

Os alimentos rexistraron en agosto un subida récord do 13,8 % interanual

En agosto subiron os prezos da electricidade e dos alimentos. Estes últimos rexistraron en agosto unha suba interanual do 13,8 %, taxa tres décimas superior á de xullo e a máis alta desde o comezo da serie, en xaneiro de 1994. Destaca, especialmente, o encarecemento da carne, o pan e os cereais e o leite, o queixo e os ovos.
               
O leite rexistrou o maior incremento de prezo (do 25,6 % interanual), seguido polos aceites e as graxas (24 %), os ovos (22,4 %) e os cereais e derivados (21,7 %).Dentro dos aceites, o de oliva encareceuse o 17,1 %, mentres que o resto de aceites comestibles incrementáronse o 71,2 %.

Os produtos lácteos subiron o 15,8 % interanual, con alzas do 31,8 % para a manteiga, do 17,3 % para o iogur e do 14,6 % para o queixo. O pan aumentou o 15,2 %; a fariña, un 39 %, e outros produtos de panadería, un 25 %. A carne de vacún subiu o 15,2 %, mentres que a de porco encareceuse o 9,8 % e a de ave, o 17,6 %.

O peixe fresco incrementouse un 9,7 % e o conxelado, un 10,8 %; a froita fresca, un 12,1 %; os legumes e hortalizas frescas, un 14,8 %; o café, cacao e infusións, un 13 %; o azucre, o 10,7 %; e o sal e as especias, un 11,1 %.

Dentro dos alimentos que non son frescos ou elaborados destacan as subidas da pasta (30,3 %), a froita en conserva (18,3 %), os alimentos para bebé (17,7 %), as pizzas e quiches (12,8 %) e o arroz (10,7 %). 

Inflación subxacente no 6,4 %

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) aumentou en agosto tres décimas, ata o 6,4 %, o seu valor máis alto desde xaneiro de 1993. Deste xeito, a subxacente sitúase máis de catro puntos por baixo da taxa do IPC xeral

Para o PP, cos prezos desbocados, é hora e que o Goberno atenda súa proposta de baixarlles impostos ás rendas medias e baixas. 

O Goberno insiste en que toman medidas contra a inflación cada día... pero hoxe pon o foco nas grandes empresas. Pídelles que arrimen o ombreiro. 

A inflación modérase en agosto en Galicia

O Índice de Prezos de Consumo aumentou un 11 % en Galicia en agosto, en comparación co mesmo mes de 2021, e mantense por encima da media española, segundo datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística.

Desta maneira, a inflación subiu unha décima na comunidade galega o mes pasado en relación con xullo pero moderou a súa taxa interanual cinco décimas. No que vai de ano, os prezos subiron un 6,6 %. Por grupos, os alimentos e as bebidas non alcohólicas incrementaron o seu prezo un 12,4 % nos últimos 12 meses, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco aumentaron un 6,1 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar