Publicador de contidos

Publicador de contidos

O IPC modérase unha décima en novembro ata o 3 % e os ovos dispáranse un 30 %

O IPC modérase unha décima en novembro ata o 3 % e os ovos dispáranse un 30 %

En Galicia os prezos subiron catro décimas ata o 2,8 %

A moderación débese á baixada do prezo da electricidade

O aceite de oliva abaratou case un 40 %

Persoa collendo ovos nun supermercado, alimento dos máis inflacionistas nos últimos meses (EFE) Persoa collendo ovos nun supermercado, alimento dos máis inflacionistas nos últimos meses (EFE)
G24.gal 12/12/2025 09:26

O índice de prezos de consumo (IPC) moderouse unha décima en novembro, ata o 3 % interanual, polo abaratamento da electricidade, mentres que a inflación dos alimentos aumentou catro décimas, ata o 2,8 %, polo encarecemento de aceites e graxas, leite, queixo e ovos.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres os datos adiantados hai dúas semanas, coa inflación subxacente (sen enerxía e alimentos frescos) no 2,6 %, unha décima máis que no mes anterior e a súa taxa máis elevada desde decembro de 2024.

A moderación do IPC débese, principalmente, ao grupo da vivenda, cuxa taxa anual diminuíu 1,8 puntos, ata o 5,7 %, debido á baixada dos prezos da electricidade, fronte á subida en novembro de 2024.

A taxa xeral cambiou a tendencia e deixa atrás cinco meses consecutivos de subidas (fóra de agosto que se mantivo estable), desde o mínimo de maio (2 %), mentres que a subxacente leva cinco meses consecutivos á alza (fóra de setembro que non variou).

Os ovos dispáranse un 30 %

Os ovos son o elemento da cesta da compra que máis subiu en novembro en taxa interanual, un 30 %, seguidos da carne de vacún (18 %), do café (17,3 %), outros aceites comestibles (17 %), do chocolate (14,5 %) e do cacao e chocolate en po (12,4 %).

Tamén destacan as subidas dun 8,3 %; do peixe fresco ou refrixerado, un 7,8 %; das froitas frescas, un 7,1 %; dos froitos secos, un 6,8 %; e da carne de ovino e caprino, un 6,5 %.

Por contra, o aceite de oliva foi o produto que máis reduciu o seu prezo, un 38,1 % no último ano, aínda que desde xaneiro de 2021 acumula un aumento do 57,7 % e en taxa mensual subiu por segundo mes consecutivo, un 2,6 %, detalla o INE.

Tamén baixaron en taxa interanual o azucre, un 7,5 %; as patacas, un 3 %; e a pizza e a quiche, un 1,7 %.

Deixando a un lado o ámbito alimentario, o que máis encareceu respecto a un ano antes foi a recollida de lixo (30,3 %), a xoiería e bixutería (29,6 %), o transporte combinado de pasaxeiros (26,7 %) e a electricidade (11,9 %).

No extremo contrario, as maiores baixadas en novembro rexistráronas os equipos audiovisuais, un 6,2 %; os voos internacionais, un 5,3 %; as cociñas, un 4,3 %; e os xogos e afeccións, un 4 %.

A inflación en Galicia sobe ao 2,8 %

O IPC rexistrou taxas anuais positivas en todas as comunidades autónomas en novembro: as máis elevadas en Madrid (3,7 %) e Comunidade Valenciana (3,4 %), e as máis baixas, en Canarias (2,3 %) e A Rioxa (2,4 %).

Os prezos subiron en novembro en taxa mensual en 15 das 17 comunidades autónomas. En Galicia fixérono en catro décimas, ata o 2,8 % en termos interanuais, mentres que a inflación dos alimentos elevouse un punto, ata o 3,2 %.

Galicia situouse dúas décimas por baixo da media estatal (3 %), mentres que o aumento do prezo dos alimentos superou ao do conxunto do país, onde creceu catro décimas, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Canarias (2,3 %); A Rioxa (2,4 %), Murcia (2,5 %), Cataluña (2,6 %) e Castela a Mancha (2,7 %) tiveron unha inflación interanual inferior á galega o mes pasado, mentres que Melilla igualou o nivel de prezos desta comunidade.

En variación mensual, os prezos subiron un 0,4 % en Galicia -en outubro creceran o 0,6 %-; mentres que no que vai de ano a inflación acumula unha alza do 2,4 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade