Publicador de contidos

Publicador de contidos

O informe FUNCAS en Galicia, segundo Maite Cancelo

O informe FUNCAS en Galicia, segundo Maite Cancelo

FUNCAS sitúanos no conxunto de comunidades autónomas cun crecemento ao redor da media: cun aumento do PIB do 4,6% e unha taxa de paro do 11 %

G24.gal 07/03/2023 08:09

Bo aproveitamento da recuperación económica POSCOVID-19

FUNCAS, no seu último informe, destaca o bo comportamento da economía galega nos anos 2021 e 2022, que fixo que sexa unha das cinco comunidades autónomas que conseguiron recuperar o nivel de PIB previo á pandemia, xunto a Aragón, Castela-A Mancha, Murcia e Navarra. Neste novo ano e a pesar da desaceleración da economía, está previsto que outras cinco se sumen á recuperación do PIB: Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid, País Vasco e A Rioxa.

Unha causa inicial destas diferenzas é que as comunidades autónomas máis afectadas pola crise económica da COVID-19 foron as que teñen un maior peso do sector turístico (Illas Baleares e Canarias), xa que foi o sector en que as restricións de mobilidade pola pandemia bateron con máis forza. A maior caída de actividade provocou que o reflexo da crise sobre o PIB fose moito maior que noutras comunidades e por iso a recuperación está a tardar máis en chegar.

Os datos xa coñecidos de Contabilidade Rexional do INE reflicten que a economía galega creceu no ano 2019 a un 1,4 %, caeu un -9,1 % no 2020 e volve medrar nun 5,1 % no 2021, polo que o diferencial no período 2019-21 foi positivo, e esa é a principal razón da nosa posición provocada pola nosa menor dependencia do turismo exterior e a fortaleza da nosa industria, que creceu un 7,4 % no 2021, un 11 % se analizamos só a industria manufactureira.

As previsións que, con relación ao peche do ano 2022, realizan entre outros organismos FUNCAS sitúannos no conxunto de comunidades autónomas cun crecemento ao redor da media: cun aumento do PIB do 4,6 % e unha taxa de paro do 11 % (con case dous puntos de diferenza con respecto á media española).

Entre as razóns do menor impacto da crise da COVID-19 sobre a nosa economía e a recuperación posterior, atópase, por unha banda, a fortaleza da nosa industria en xeral, e en particular da industria téxtil, e, sobre todo, a do noso sector exportador, que nos mantén como unha das comunidades autónomas cun maior peso deste sector económico. Doutra banda, tamén hai que destacar que o sector servizos é outro que impulsou o crecemento da economía no ano pasado, segundo o informe de FUNCAS, unha vez eliminadas as restricións no comercio e a hostalería.

Perspectivas para o 2023

Se analizamos as perspectivas para este ano, estamos nun contexto de incerteza, con subida dos tipos de xuro e onde aínda estamos a sufrir (e probablemente sufriremos máis) o impacto da inflación na capacidade de compra das familias.

Así, a previsión de FUNCAS de crecemento non difire moito doutras estimacións que sitúan a taxa de variación do PIB español nun 1,3 % e do galego nun 1,2 %, que constata ese menor dinamismo do crecemento en España e onde só sobresaen as estimacións para as comunidades autónomas máis afectadas pola crise da COVID-19 (3,3 % nas Baleares e 2,2 % nas Canarias, que parten, como diciamos, dunha situación peor), e con relación ao emprego, FUNCAS é máis xenerosa con Galicia, estimando unha taxa de paro no 10,3 % e mantendo o noso diferencial coa media española.

En calquera caso, é certo que na nosa industria ten un elevado peso o sector de bens de consumo, que pode verse máis afectado por unha posible caída do consumo interno debido ao aumento dos tipos de xuro, pero tamén é certo que os datos que imos coñecendo sobre as nosas exportacións, inducen ao optimismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade